FESTAS

Santiago celebrou o día grande das Festas da Ascensión con gran asistencia de público

29/05/2014 Un ano máis, as Festas da Ascensión abriron o seu día grande coa celebración da Feira Cabalar. Milleiros de persoas presenciaron no recinto feiral de Amio os distintos concursos morfolóxicos e de doma.

Tras o concurso cabalar, as principais citas desta xornada céntranse na música. Ás 12, a banda municipal de música interpreta obras de Serrano, Guerrero e Freire na rúa do Vilar e desde as 18.00 h, as actuacións de "Folk na rúa".

O prato forte chega ás 22.00 horas coa actuación da mítica banda Los Suaves na praza da Quintana, con entrada libre. A festa continúa na Alameda coa orquestra Los Players a partir das 22.30 horas.

Pero non só de música se nutre o programa das Festas. Ademais dos tradicionais cabezudos que percorren as rúas a partir das 12.30 h, poderemos disfrutar coa volta ciclista da Ascensión a partir das 16.30 h. Para os máis pequenos, Os Monicrekes de Kukas estarán na Zona C co seu espectáculo Xan Perillán compra queixo e compra pan ás 18.30 horas.

Venres 30

De cara o venres, nova oportunidade para ver os Monicreques de Kukas e o seu espectáculo, á mesma hora e no mesmo lugar. Pola tarde, os que se acheguen ao Toural poderán gozar de diferentes obradoiros e exhibicións de graffiti, beatbox ou breakdance, dentro do programa Cultura Urbana. E para os afeccionados á chave, a XXXVIII edición deste torneo terá lugar na Alameda a partir das 20.30 horas.

Non podía faltar a música, coa celebración da II Gala Lírica dos Conservatorios Galegos no Teatro Principal ás 20:00 horas, ou o concerto de Fetén Fetén ás 20.30 h no Salón Teatro.

O concerto estrela chega da man de Os Resentidos, ás 22.00 horas na praza da Quintana tamén con entrada de balde, e o fin da xornada, na Alameda coa orquestra Capitol.

Compartir: