TURISMO

Turismo de Santiago participa por primeira vez na feira turística máis importante de Corea do Sur

28/05/2014 Corea do Sur é o país que viviu un maior crecemento porcentual en número de peregrinos nos últimos anos, pasando de 18 en 2004 a 2.774 en 2013. Corea suma xa máis peregrinos que países con maior tradición no Camiño, como Polonia, Brasil ou Bélxica.

Turismo de Santiago participa por primeira vez na Kofta, a feira turística máis importante de Corea do Sur, que se celebra en Seul entre o 29 de maio e o 1 de xuño. O obxectivo da empresa municipal de promoción turística é intentar captar aos touroperadores e aos axentes de viaxes coreanos que xa traballan o mercado español presentándolles Santiago como destino do Camiño de Santiago pero tamén como unha cidade cunha ampla oferta gastronómica, patrimonial e de natureza.

Corea do Sur é o país cun crecemento porcentual máis intenso nos últimos anos no número de peregrinos. No Ano Santo 2004 a presenza de peregrinos coreanos era anecdótica. Naquel ano houbo apenas 14 peregrinos procedentes do país asiático. Sen embargo, despois da publicación de diferentes libros sobre o Camiño de Santiago e a intensificación da promoción no país, o número de peregrinos foi crecendo exponencialmente ano tras ano ata alcanzar os 2.774 no ano 2013.

Turismo de Santiago fará unha presentación da cidade e do Camiño de Santiago dirixida aos profesionais do sector coreano que xa traballan co mercado español. Pero ademais aproveitará para manter unha axenda de reunións con profesionais no só do mercado coreano, senón tamén doutros países asiáticos que acuden tamén á feira e que son tamén mercados interesantes para a cidade, como Xapón.

Compartir: