FESTAS

Vintage Trouble, revelación internacional do momento, ofrecerá o seu primeiro concerto en España nas Festas do Apóstolo

29/04/2014 Os norteamericanos arrasan polos escenarios de medio mundo e están considerados unha das bandas de referencia obrigada no actual panorama internacional. Chegan a Compostela precedidos dun incrible éxito de público e crítica e logo de pasar polos mellores festivais do mundo (SXSW, Glastonbury, Coachella, Rock in Rio,...). Foron escollidos por The Rolling Stones e The Who para abrir e acompañalos, respectivamente, nas súas xiras mundiais e teñen compartido escenario con Lenny Kravitz, Neil Young, Joss Stone, The Cranberries ou Bon Jovi, entre outros. O seu primeiro traballo, "The Bomb Shelter Sessions", foi nº6 en Amazon en nº 13 en iTunes, a nivel mundial.

Vintage Trouble, a banda norteamericana que está arrasando nos escenarios de medio mundo ofrecerá o vindeiro 23 de xullo o seu primeiro concerto en España no marco das Festas do Apóstolo. O espectacular directo dos californianos terá lugar na Praza da Quintana e será, ademais, de balde.

O de Vintage Trouble prevese como un dos pratos fortes deste vindeiro Apóstolo e, de seguro, atraerá a público procedente doutras cidades galegas e mesmo españolas, xa que Santiago será a praza na que a banda abra a súa primeira xira no noso país e son moitos os fans que están agardando dende hai tempo por esta, ata o de agora, inédita visita.

Os estadounidenses chegan precedidos dun incrible éxito de público e crítica xa dende a súa formación en 2010, grazas precisamente aos seus sensacionais directos e a un estilo único que apela ao que eles mesmos definen como "soul primitivo", co que recrean un persoalísimo son con sabor a vinilo e máquina de discos.

Inspirados por clásicos incontestables como Otis Redding, Ike&Tina Turner, Ray Charles, James Brown ou Wilson Picket, o cuarteto de Os Ánxeles logra unha mestura perfecta incorporando tamén os sons máis puros do rock dos 70, influenciados por bandas tan lendarias como Led Zeppelin ou The Who.

Liderados polo carismático Ty Taylor (sinalado como un frontman á altura de James Brown ou do mesmísimo Otis Redding) e co seu inimitable soul-blues e rock da rúa, os Vintage chegaron como un furacán á escena internacional, segundo a crítica, para quedarse. Fieis aos seus principios, evitaron os últimos adiantos tecnolóxicos e optaron por técnicas máis vintage para gravar o seu primeiro traballo, "The Bomb Shelter Sessions", que logo de ser cualificado como un feroz tratado de rhythm&blues, rock blues e soul, comezou a correr como a pólvora pola Rede, radios, televisións e por suposto escenarios de todo o mundo.

Segundo foi lanzado, o disco entrou no "UK Top 40", alcanzando posteriormente en Amazon-Reino Unido o nº1 como "R&B Album" e o nº2 como "Rock Album". A nivel mundial, "The Bomb Shelter Sessions" situouse no nº6 en Amazon e o nº13 en iTunes. O respaldo da crítica non se fixo esperar: Total Guitar Magazine situou o traballo no "Top 25 Guitar Albums of the Year"; Music Weekly nomeou a Vintage Trouble como o "Breakout Artist of the Year" en 2011 e a prestixiosa German Music Magazine elevou o recoñecemento a "Best New Band of 2011". Ese ano e só en Alemaña e Reino Unido, a banda ofreceu 80 concertos en 100 días que reuniron a máis de 400.000 persoas, o que deu lugar ao documental "80 Shows in 100 Days: The Documentary".

A partir de aquí, o éxito non fixo máis que medrar: a edición norteamericana de The Rolling Stone reflectiu a calidade da banda, eloxios aos que se foron sumando The New York Times, The Wall Street Journal ou a NPR, por poñer só algúns exemplos; Google Music escolleuna como artista invitado do festival de Sundace en 2012; e ese mesmo ano o mundialmente referenciado festival SXSW (South by Southwest) de Austin incluíuna no seu cartel, sendo sinalada como o 4º mellor directo (só por detrás de The Jesus and Mary Chain, Jack White e Bruce Springsteen) por Paste Magazine.

The Rolling Stones e The Who escolleron a Vintage Trouble para abrir e acompañar (respectivamente) as súas xiras en 2012 e 2013 e a banda xa comparte escenario con outros artistas da talla de Lenny Kravitz, Neil Young, Joss Stone, The Cranberries ou Bon Jovi, entre outros. De feito, os festivais máis importantes do mundo como os de Glastonbury, Coachella, Sydney ou ou o Rock in Rio non dubidan en presentar aos californianos como unha das súas apostas.

Para ledicia dos seus incondicionais (autodefinidos mundialmente como "troublemakers", "alborotadores") e para a grata sorpresa de quen non os coñeza, agora, e co seu concerto na Quintana, os Vintage Trouble chegan por primeira vez a España coa intención de demostrar por qué arrasan alá por onde pasan.

A banda galega Novedades Carminha abrirá a noite
Novedades Carminha, unha das bandas galegas consolidadas na escena independente española, será a encargada de quentar a noite antes da saída de Vintage Trouble ao escenario da Quintana. E farao cos temas do seu novo traballo, "Juventud Infinita", álbum sensible pero canalla co que evoluciona cara a terreos musicais onde a contundencia do garage de factura lo-fi dáse a man co pop máis pegadizo, con tinguiduras de psicodelia e punk a partes iguais.

Producido por Ángel Kaplan en Xixón e masterizado por Noel Summerville (The White Stripes, Black Lips, My Bloody Valentine...) no seu estudio de Londres, "Juventud Infinita" ven cargado con 10+1 enerxéticos temas para gozar na pista de baile, que apuntalan a Novedades Carminha como máxima referencia do garage-pop cantado en castelán. A banda da un salto cualitativo con este novo traballo, abrazándose a sons máis coidados e a composicións cheas de creatividade e dinamismo. Iso si, sen renunciar nin por un instante aos sinais de identidade que os trouxeron ata aquí.

Referencias de interese sobre Vintage Trouble
Imaxes oficiais: https://www.dropbox.com/s/vu27zcnqbj4o0bc/FOTOS%20VINTAGETROUBLE.zip

Web do concerto en Santiago: www.vintagetroublecompostela.com

Referencias Audiovisuais Videoclips: http://www.youtube.com/watch?v=5pDr7cQgTHk&list=PL3F727CA2C8F2FBAF

http://www.youtube.com/watch?v=ZMCutWGTHSU

http://www.youtube.com/watch?v=5gJJufpx0Bo

http://www.youtube.com/watch?v=cqnfXq6o_Fo&list=PL3F727CA2C8F2FBAF

(Este último, "Nancy Lee", foi filmado na súa totalidade cun iPhone. Videoclip gañador do iPhone Film Fest)

Directos: http://www.youtube.com/watch?v=7fZDSMUy32A&list=PLir0RRCnKlqD-l-yOotDc5gAtkLYE2Yao&feature=share&index=6

http://www.youtube.com/watch?v=_-kI80lwcHg&feature=share&list=PLir0RRCnKlqD-l-yOotDc5gAtkLYE2Yao&index=19

http://youtu.be/PidttUV3fWI

http://youtu.be/bQwylPxZWDA

http://www.youtube.com/watch?v=7XyUcJiXOi4

Documental ("80 Shows in 100 Days". Trailler) http://www.youtube.com/watch?v=DqR4W07hVfY

Compartir: