PLENO

Compostela dispón o seu modelo de cidade para os vindeiros 16 anos

31/07/2006 Un modelo de crecemento sostido e de calidade para case dúas décadas en Compostela. Iso é o que asegura o novo Plan Xeral de Ordenación Urbana, que quedou provisionalmente aprobado nun Pleno municipal extraordinario cos votos favorables do grupo de goberno, formado por PSOE e BNG, quedou aprobado provisionalmente o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). O PP votou en contra. Á espera do dictame final da Xunta de Galicia, o Plan pode comezar a aplicarse plenamente a principios do vindeiro ano 2007.

Segundo apuntou o alcalde, trátase "do Pleno máis importante do mandato desta Corporación, no que se aproba o documento que define o modelo de cidade para os vindeiros 16 anos". Nesa transcendencia tamén coincidiu o tenente de alcalde, Néstor Rego, que augurou para a cidade "un espléndido futuro por diante". Deste Plan, dixo, sairá unha Compostela "equilibrada e cohesionada socialmente".

O concelleiro de Urbanismo, Luís Toxo, foi o encargado de explicar os principais contidos do novo PXOM, un documento que marca o desenvolvemento da cidade en todas aquelas materias que aseguran o seu crecemento futuro. Tal é o caso da vivenda, onde Santiago se sitúa a un nivel moi por riba do resto de cidades galegas en canto a dotación de residencia de protección pública. Nada menos que un 38% do total se reserva a esta cualificación, ou o que é o mesmo, 13.000 vivendas protexidas das máis de 35.000 previstas.

Con esta oferta garántese un crecemento de calidade, con áreas residencias acompañadas de amplas dotacións e zonas verdes. A cidade medrará sobre todo pola súa zona norte, con grandes áreas de vivenda en Amio, San Lázaro, As Cancelas ou O Castiñeiriño; e outras áreas que se incorporarán ao tecido urbano.

Toxo lembrou que desas novas vivendas, unhas 4.000 construiranse no rural, co que a capacidade residencial deste medio quedará en 6.135 vivendas segundo o Plan, coas modificacións introducidas respecto á ampliación da delimitación do núcleo rural e da extensión de núcleo. Neste capítulo, houbo mención especial ao alto número de alegacións aceptadas e ao compromiso de que, no caso de mudar a Lei do Solo, se revisará o PXOM neste punto. De non ser así, igualmente se revisaría esta cuestión nun período de catro anos.

Máis solo industrial e máis zonas verdes

Igual de salientable é a reserva para solo industrial, xa que se duplica ata cegar aos oito millóns de metros cadrados, que permitirán á cidade fortalecer o seu tecido industrial e de servizos e, sobre todo, xerar emprego. A zona norte da cidade e o contorno do actual Polígono do Tambre serán as áreas prioritarias para este tipo de uso.

O PXOM garante tamén que Santiago vai a seguir sendo unha cidade verde, moi por riba dos estándares esixidos. Cinco millóns de metros cadrados para parques pretenden lograr que a media da superficie de zonas verdes por habitante se sitúe nos 40 metros cadrados. Ademais dos parques en si, contémplanse proxectos coma o do Xardín Botánico ou a recuperación das Brañas de Sar.

Ampla oferta de equipamentos

Todo isto complétase cunha ampla oferta de equipamentos públicos e de dotación de servizos. Entre as grandes actuacións nesta materia destaca a futura estación intermodal do AVE, que ocupará 112.000 metros cadrados e contará cunha importante dotación comercial e residencial. Está chamada a converterse na estación central de Galicia e a absorber un tráfico de cinco millóns de pasaxeiros ao ano.

Tamén salientables son proxectos como o da nova depuradora, o soterramento de subestacións eléctricas ou unha zona de equipamentos deportivos de 144.000 metros cadrados no Monte do Gozo.

Compartir: