FESTAS

As Festas do Apóstolo chegan ao seu fin co espectáculo de fogos na escalinata do Campus e a homenaxe aos Beatles na Quintana

31/07/2006 As Festas do Apóstolo chegan mañá ao seu fin tras dezaoito intensos días de gran variedade de actividades pensadas para toda a familia e para todas as idades. Unhas festas marcadas pola gran participación dos composteláns e visitantes e o civismo amosado en todas as xornadas. Os concertos congregaron a miles de persoas e as actividades nas rúas foron seguidas con gran interese e participación. Os fogos na escalinata do Campus Universitario e a homenaxe aos Beatles na Quintana, porán o broche de ouro a estas Festas do Apóstolo.

A empresa Pirotecnia Caballer, que marabillou a todos co espectáculo de fogos, música e imaxes a noite do 24 de xullo, será a encargada de despedir este Apóstolo 2006. Na escalinata do Campus Universitario, ás 23:00 horas, sucederase gran variedade de cores e figuras. Segundo explica Verónica Caballer, organizadora do espectáculo, "combinaranse fogos de grande altura con outros menores, polo que se poderán ver desde diferentes puntos da cidade. Haberá carcasas, volcáns, candelas de distintos calibres e cores. Será un disparo tradicional, sen perder os detalles". Arredor de vinte minutos para despedir estas festas. Respecto ao espectáculo que ofreceron no Obradoiro a víspera do Apóstolo, Caballer afirma que o máis gratificante é "o contenta que quedou toda a xente tralos fogos e as súas felicitacións".

Tralos fogos chegará o momento para os máis melancólicos co espectáculo Show Beat, que será unha homenaxe ao mítico grupo de Liverpool, The Beatles. Máis de 30 profesionais ofrecerán un espectáculo na Quintana no que percorrerán as míticas cancións, hoxe convertidas xa en historia da música. O musical narra as aventuras e desventuras do cuarteto. Dúas horas intensas nun show audiovisual que vai dende "Love me do" ata "The long and winding road". Los Escarabajos, naturais de Sevilla, e Forever, co seu característico humor, serán os encargados de revivir os máxicos momentos a través das letras e músicas dos xeniais Beatles.

A patir das doce da noite, no Toural, Los Reyes del KO alegrarán a todos coa súa "Guitar Crusher".

Compartir: