EDUCACIÓN

As actividades educativas do verán chegan á súa fin cun grande éxito de participación

28/07/2006 As propostas lúdicas e formativas organizadas pola Concellería de Educación e Mocidade chegan ao seu fin cun novo éxito de participación. A Escola Municipal de Verán de Inglés, o Campamento Urbano ou Ferradura Aberta pechan as súas portas o venres 28 de xullo ata as vindeiras vacacións estivais de 2007.

A primeira edición Escola Municipal de Verán de Inglés "Good morning, kids" desenvolveuse a longo de todo o mes de xullo nas instalacións cedidas polo IES Rosalía de Castro (Alameda). Esta proposta educativa contou coa colaboración do centro de ensino para a aprendiza de linguas Piccadilly School of English.

Os nenos e nenas que participaron na Escola de Inglés gozaron de obradoiros en inglés de fotografía, cociña, teatro, artes plásticas ou comunicación, ademáis de xogos tradicionais ingleses e visitas didácticas á Policía Local, á Casa do Concello, á Praza de Abastos ou percorridos polo Casco Histórico. En total, participaron 109 rapaces e rapazas de seis a doce anos.

O Campamento Urbano tivo lugar, tamén en xullo, nas instalacións do CEIP de Fontiñas e contou coa colaboración da Asemblea Comarcal de Cruz Vermella de Santiago. Máis de 50 nenos e nenas de Compostela participaron semanalmente en diversas actividades, como visitas á Rede de Museos de Compostela (Galicia Dixital, CGAC ou Museo do Pobo Galego) ou visitas didácticas á Exposición Culturas do Mundo da Fundación La Caixa; actividades acuáticas nas piscinas do Multiusos Fontes do Sar; actividades deportivas coa colaboración da Delegación de Atletismo en Compostela; sesións de contacontos ou a participación en diversos obradoiros de artes plásticas.

Tamén remata Ferradura Aberta. Arredor de 1.500 rapaces pasaron diariamente polo Paseo da Ferradura, na Alameda, entre os que se inclúen numerosos composteláns, pero tamén moitos visitantes que nestes días están na cidade.

Ademais, ao longo do verán a oferta de tempo libre do Departamento de Educación e Mocidade do Concello de Santiago de Compostela contemplou outras propostas, como a Escola de Verán, o programa "Barcelona, educa", a estadía de educación ambiental en O Coto-Arbo ou o programa "Vacacións en paz".

Compartir: