DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

O remodelado Parque de San Roque homenaxea á ciencia galega

31/03/2014 A concelleira da Área de Desenvolvemento Urbano Sostible, María Pardo, presentou a remodelación do parque de San Roque en rolda de prensa, un novo equipamento que ademais servirá para lembrar a destacados científicos galegos. Pola tarde abriuse ao público coa visita do alcalde e a propia edil.

Como indicou a concelleira, o xardín de san Roque é un espazo con grandes posibilidades pola súa céntrica ubicación, nunha área na que se atopan varios museos e monumentos relevantes e que, ademáis, está rodeado de garderías, escolas infantís e colexios, polo que é un lugar ideal para ubicar un parque infantil. A concelleira María Pardo presentou o novo equipamento, que se inaugura esta mesma tarde.

O parque infantil conta cunha superficie de 350 metros cadrados de céspede artificial areado e con amortecemento con dous multixogos de integración, que inclúen as seguintes funcións de xogo e son aptos para nenos de máis de un ano: psicomotricidade, coordinación e equilibrio, domino do corpo, autonomía, manipulación, xogo de rodas, sociabilidade e comunicación.

A actuación completouse cunha remodelación da xardinería empregando os tepes que se usaron para a colocación das árbores de Nadal, coa reparación dos paseos e a instalación de mobiliario novo. En total, o orzamento da obra foi de 76.000 euros.

Parque das Ciencias
Pero ao tempo, este parque quere render homenaxe á ciencia galega, por iso recibirá o nome de Padre Sarmiento. A Real Academia Galega de Ciencias comenzóu a celebrar no ano 2008 o Día do Científico Galego e cada 23 de abril esta institución recorda a un persoeiro da ciencia da nosa terra. Ata o día de hoxe os científicos homenaxeados foron:
- Enrique Vidal Abascal, nado en Oviedo o ano 2008 e falecido en Compostela en 1994. Foi un destacado matemático, ademáis de humanista e pintor. A él se dedicou o primeiro Día do Científico Galego, en 2008.
- Isidro Parga Pondal, nado en Laxe en 1900 e morto na cidade da Coruña en 1986. O ano 2009 recordouse a súa destacada laboura nos eidos da química e a xeoloxía.
- Cruz Gallástegui Unamuno, vasco da vila de Vergara, onde nacéu en 1891, pero que se radicou en Galicia, falecendo en Pontevedra en 1960. Foi enxeñeiro agrónomo e xenetista. El foi o científico recordado o 23 de abril do ano 2010.
- Ramón María Aller Ulloa, destacado matemático e astrónomo que gozou dun enorme prestixio internacional, e que naceu en Lalín en 1878, lugar onde se retirou para falecer en 1966. Aller Ulloa foi profesor da universidade compostelá, que conserva o seu observatorio e moitos dos seus instrumentos de traballo. Recibíu o homenaxe da Real Academia de Ciencias en 2011.
- Antonio Casares Rodríguez, químico, médico e farmacéutico nado en Monforte de Lemos o ano 1812 e que residíu en Compostela ata a data do seu pasamento en 1888. A el se dedicou o Día do Científico Galego do ano 2012.
- Padre Benito Jerónimo Feijoo y Montenegro, un dous máis destacados pensadores e escritores ilustrados do noso país, nado en 1676 no Pazo de Casdemiro, en Pereiro de Aguiar, e morto o ano 1764 en Oviedo, onde foi profesor de teoloxía na súa universidade. Foi homenaxeado o ano 2013.

A todos estes persoeiros, e a aqueles que merezan no futuro ser distinguidos co recoñecemento da Real Academia Galega de Ciencias, recordarase no Parque das Ciencias cunha placa para cada un deles nos bancos cos que se dota ao novo xardín de San Roque.

O desexo do goberno municipal de Compostela é que, de agora en adiante, cada 23 de abril sexa unha festa no pequeno e coqueto Parque das Ciencias de San Roque, para que neste lugar se lembren aos moitos científicos galegos que destacaron ao longo do tempo nos eidos da investigación e a ensinanza.

Asemade, neste antigo monumento renacentista atópanse algunhas das máis importantes institucións científicas de Galicia, como son a Real Academia Galega de Ciencias, a sección galega da Academia de Farmacia ou o Instituto Padre Sarmiento de Estudios Galegos, pertencente ao CSIC..

Peza central
O parque de San Roque conta ademais cunha escultura central, obra de Óscar Aldonza en colaboración co ferreiro e artesán Santiago Martínez "Chago". Trátase dunha esfera de ferro que se ergue sobre un piar de pedra no medio das árbores do Parque das Ciencias "Padre Sarmiento" e que representa o Sistema Solar, o noso fogar dentro da galaxia da Vía Láctea que os peregrinos medievais chamaban "Camiño de Santiago" porque era como un gran sendeiro de estrelas dibuxado no ceo e que indicaba nas noites claras a dirección que debían seguir para chegar a Compostela.

Esta peza, que o seu creador bautizou como "Armilar 2014", é o elemento simbólico do novo Parque das Ciencias, que xurde no que antes era un xardín anodino ubicado entre o CGAC e o hospital de San Roque. Así o salientou o alcalde no acto de apertura, indicando que "recuperamos un espazo infrautilizado que servirá para as familias cunha inversión menor". Ademais de varios membros da corporación, asistiron o presidente da Real Academia das Ciencias, Miguel Ríos; o tesoureiro, Manuel Bao; e o secretario, Julio Ballester.

Compartir: