URBANISMO

O novo PXOM aprobarase o luns

27/07/2006 O novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) será aprobado na sesión plenaria extraordinaria convocada para o luns 31 de xullo ás 12 da mañá. Ratificarase así o acordo global sobre o texto ao que chegaron os dous grupos municipais do Goberno, PSOE e BNG, tras meses de traballo e de estudo das alegacións. Así, á espera do dictame final da Xunta de Galicia, o texto podería quedar aprobado definitivamente en Nadal ou xaneiro.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o primeiro tenente de alcalde, Néstor Rego, refrendaron o acordo nunha rolda de prensa conxunta, na que analizaron os principais puntos do novo PXOM e os cambios introducidos. "É un Plan que asegura dezaseis anos de crecemento potente, sostido e de calidade", sinalou o alcalde respecto dun documento que pretende ser "o Plan de todos". Este foi un punto no que tamén coincidiu Néstor Rego ao expresar o seu convencemento de que conta co máximo "respaldo social". Como exemplo puxeron o apoio manifestado polos distintos colectivos da cidade nas reunións mantidas nas últimas semanas.

Un dos aspectos destacados por ámbolos dous foi que o PXOM dá solución ao problema da vivenda en Compostela. Segundo apuntou Sánchez Bugallo "a oferta de vivenda protexida –en torno ao 40% do total– non ten parangón en ningunha cidade do noso entorno". En semellantes termos se pronunciaron respecto á previsión de solo industrial, equipamentos, servizos ou zonas verdes.

Máis edificabilidade no rural

Capítulo especial mereceu o incremento da edificabilidade no rural. "Fixemos todo o que estaba na nosa man para ampliar as áreas de núcleo rural e de expansión de núcleo", indicou o alcalde. Deste xeito, a capacidade residencial ampliarase ata as 6.100 vivendas. Ademais, Néstor Rego apuntou que existe o compromiso de modificar o PXOM no que afecta ao rural se se modifica a Lei do Solo e, en todo caso, de revisalo nun prazo de catro anos, para "retomar as cuestións que hoxe, por cuestións legais, non se poden abordar".

O alcalde destacou o traballo do equipo redactor por integrar a maior parte das 4.000 alegacións presentadas, sempre en compatibilidade coa lexislación e co modelo de cidade. Con todo, Rego engadiu que o número de alegacións é "moi inferior ás presentadas noutras cidades". Ámbolos coincidiron tamén na necesidade de aprobar canto antes o PXOM, ante os posibles efectos en forma de retrasos da aplicación da lei 9/2006 sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio ambiente.

Dous puntos votaranse por separado: o da praza de Salgueiriños e o do intercambiador da Praza de Galicia. Sánchez Bugallo restoulle importancia á discrepancia nestas cuestións "ante a magnitude do Plan aprobado". Non obstante, reservouse a posibilidade de tratar de novo estes temas máis adiante.

Finalmente, ámbolos reafirmaron a importancia do plan como "instrumento adecuado e eficaz para o desenvolvemento de Santiago nos vindeiros 16 anos", malia que indicaron que non se trata dun Plan pechado e que as súas modificacións futuras dependerán da evolución do mesmo e das posibilidades que xurdan para a cidade.

Compartir: