CULTURA

Luma Gómez presenta "A tixola polo mango" dentro do ciclo Falabaratos

31/01/2014 Luma Gómez presenta o monólogo A tixola polo mango (Muller, non é para tanto) dentro do ciclo Falabaratos. Dirixida por Eduardo Alonso, estará este sábado 1 de febreiro, a partir das 20:00 horas, na Sala Agustín Magán (CSC de Santa Marta). O espectáculo repetirase de novo o sábado 8 á mesma hora.

A tixola polo mango (Muller, non é para tanto) é un monólogo gastronómico de consecuencias imprevisibles no que se sente a rabia feminina sen case que apreciala, sutilmente. A actriz mantén co público unha distancia prudente, pero íntima. Ela faise querer, é un ser aparentemente nobre, unha desas mulleres con ideas doutra época e das que todos temos algunha referencia persoal, ela podería ser aquela tía lonxana, a nosa curmá a solteirona, a nosa aboa ou mesmo a nosa nai.

O seu discurso encerra algo doutro tempo e, tamén, algo de verdadeira revolución feminina. Si elas tiveran o que nós, que pasaría? Se elas puidesen ligar por internet, saír ate as tantas, estaríamos nós, os seus fillos, aquí...? Elas asimilaron a familia como concepto, o home como estandarte e a casa como bandeira. Pero, ás veces, hai que dicir: "Basta! Que boca tan grande tienes! Es para comerte mejor".

As entradas, a 6 euros, poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas) ou o mesmo día do evento no CSC Santa Marta dende as 18:00 horas.

Compartir: