DEPORTES

Dezaseis probas confirmadas no calendario de atletismo da Concellería de Deportes

31/01/2014 O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou o calendario de probas de atletismo para este 2014. Son xa 16 competicións confirmadas, ás que se engadirá algunha máis ao longo do ano.

Segundo explico o edil, o calendario arrancará o 15 de febreiro co III Cross de Compostela, que incluirá o Campionato Provincial Escolar da modalidade. Realizarase nun novo circuíto no entorno de Salgueiriños. Adrián Varela enmarcou este e outros novos emprazamentos na intención de achegar o deporte de competición tamén aos barrios periféricos.

O 15 de marzo celebrarase o II Trofeo de Atletismo Fontes do Sar no estadio atlético da Universidade de Santiago. Tamén neste mes, o día 30, Santiago acollerá a carreira solidaria In real time, run with Etiopía, destinada a recoller fondos para proxectos solidarios neste país africano. Nesa mesma xornada realizarase o XI Duatlón Cidade de Santiago.

O 13 de abril é a data escollida para unha das novidades, a I Media Maratón de Santiago, chamada a converterse nunha proba de referencia na cidade. A carreira, de 21 quilómetros, discorrerá entre O Pino e o Estadio de San Lázaro.

CorreSan
No mes de maio comezará a terceira edición do circuíto de carreiras saudables CorreSan. O día 10 realizarase a proba do Campus Sur, mentres que o 25 terá lugar a carreira da Ruta da Prata, no entorno de Angrois, outra das novidades deste ano 2014.

O calendario de CorreSan terá a seguinte cita o 21 de xuño nun circuíto aínda por definir. O 12 de xullo celebrarase a carreira nocturna polo Casco Histórico e, o 14 de setembro, os corredores descubrirán un novo circuíto en Salgueiriños. CorreSan rematará o 12 de outubro coa carreira entre a Cidade da Cultura e o Estadio de San Lázaro.

Outra novidade deste ano será o I Trail Pedroso, previsto para o 1 de xuño. Realizarase nun esixente percorrido duns 30 quilómetros no Monte Pedroso.

En outubro, ademais da última carreira do CorreSan, celebrarase a tradicional Carreira Pedestre. A cidade acollerá un canicross en novembro e, para rematar o 2014, a II San Silvestre de Santiago.

Compartir: