MERCADOS

A nave 5 do Mercado de Abastos desenvolverá a idea inicial dun espazo con sete ou oito locais gastronómicos

31/01/2014 A nave 5 do Mercado de Abastos acollerá sete ou oito locais que serán un escaparate da gastronomía compostelá e galega e dos produtos da propia Praza. Así será tras descartar a Sociedade Cooperativa do Mercado de Abastos o proxecto presentado por Hostalería Compostela, segundo indicou a concelleira de Comercio e Mercados, Reyes Leis.

A decisión de descartar o proxecto de Hostalería Compostela e de recuperar a idea inicial dos locais gastronómicos foille xa comunicada á Asociación. En palabras de Reyes Leis, no proxecto hostaleiro "botábase en falta un plan de empresa e de xestión" e o Mercado de Abastos prefire na nave 5 unha actividade "regular" e "economicamente rendible". Ademais, apuntou que "as actividades de promoción que propoñían xa está previsto que se realicen noutro espazo da Praza".

Seguindo o deseño do arquitecto que proxectou a remodelación da praza e respectando a estrutura do resto de naves, a número 5 albergará sete ou oito locais gastronómicos "diferentes", que "darán valor á Praza" e que utilizarán a mesma como "despensa", explicou a edil. Haberá unha mesa central que dará servizo a todos, pero cada establecemento terá a súa propia cociña.

Indicou que nestes intres se están a elaborar os pregos técnicos e administrativos para realizar un concurso aberto do que sairán os sete ou oito locais que ocuparán finalmente a nave 5. Unha comisión técnica elixirá os establecementos entre os que opten aos distintos espazos dispoñibles, de diferentes tamaños (número de módulos).

Compartir: