ALCALDÍA

Santiago de Compostela, meta do Camiño e da Volta Ciclista a España 2014

30/01/2014 A Volta Ciclista a España concluirá en Santiago de Compostela na edición de 2014. Será cunha etapa contrarreloxo individual que sairá da Cidade da Cultura e rematará na praza do Obradoiro. Os detalles desta etapa especial ofrecéronse nunha rolda de prensa na que participaron o alcalde compostelán, Ángel Currás; o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo; o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete; a directora xeral de Turismo, Nava Castro; a directora-xerente da Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño; e o director de La Vuelta, Javier Guillén.

A etapa cronometrada, de 10 quilómetros, sairá da Cidade da Cultura para seguir por Fontiñas, Amio, avenida de Asturias, Cruceiro da Coruña, San Caetano e Xoán XXIII, rematando na praza do Obradoiro. Nesta ocasión, ademais, os últimos corredores completarán a etapa xa no anoitecer, co obxectivo de que a cerimonia de entrega de premios se desenvolva xa de noite.

Na súa intervención, o alcalde compostelán referiuse á idea de "meta", aplicándoa tanto ao Camiño de Santiago como a esta Volta Ciclista a España, que remata en Santiago 21 anos despois daquela chegada de 1993, Ano Santo. Agora, noutro ano especial, o da conmemoración do 800 aniversario da peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela, a cidade volve ser meta da proba ciclista.

Tanto o alcalde como o resto de comparecentes coincidiron no convencemento do "éxito" tanto desta etapa como do paso da Volta por Galicia. Neste sentido, resaltaron a unión de deporte e promoción turística que supón un evento coma este cuxas imaxes chegan a 190 países. Referíronse igualmente á repercusión económica (aloxamento, hostalería...) que para as zonas polas que transcorre a proba ten a comitiva de 3.000 persoas move.

Santiago foi punto de saída da competición en catro ocasións e nunha ocasión máis foi saída dunha contrarreloxo individual de 7 km que gañou o francés Marc Gómez. Ao día seguinte disputáronse dous sectores de 97 km. Santiago foi meta dunha etapa da Volta en 4 ocasións, na última delas en 2007, o gañador foi Óscar Freire. A última vez que a Volta pasou por Santiago foi no pasado ano 2013.

Compartir: