CONSORCIO

Rematada a restauración do retablo da igrexa parroquial de Nemenzo

29/12/2013 O Consorcio de Santiago rematou a restauración do retablo da igrexa parroquial de Santa Cristina de Nemenzo, parroquia situada na zona norte do concello compostelán. O tenente de alcalde Francisco Noya; o concelleiro Luis Meijide e a xerente do Consorcio, María Antón, visitaron o templo –onde se celebrou unha misa- para coñecer in situ o resultado dos traballos. Cun orzamento de 19.335 euros, as actuacións comezaron a finais do pasado mes de xullo. A obra realizouna o restaurador Andrés Martínez Rey, xunto coas restauradoras Cristina Cabodevila e Sandra Domínguez.

O retablo da igrexa, localizado no altar maior da mesma, de estilo barroco, podería datar da segunda metade do século XVIII. Presentaba un estado de conservación bastante malo e nunca fora restaurado con anterioridade. Entre as alteracións que posuía, a máis preocupante eran as diferentes capas de repinte, polo menos cinco, realizadas en épocas diversas, que ocultaban a película pictórica orixinal.

O retablo está integrado por un conxunto de seis tallas. A principal é a de Santa Cristina, acompañada polas imaxes de San Antonio, San Xosé, a Virxe do Carme, a Asunción e San Roque. Fíxose unha restauración completa tanto do retablo como de cada unha das tallas, incluída a limpeza e reposición de pezas rotas, así como a recuperación da súa policromía e dourados orixinais.

No transcurso dos traballos descubriuse que, nos ocos do retablo onde se sitúan cada unha das seis tallas, baixo a última capa de repinte estaban agochadas as pinturas orixinais, en particular paisaxes. Ademais, no oco superior central, que estaba tapado de branco, apareceu o Monte do Calvario, unha escena da Virxe María e San Xoán, co sol e a lúa. Aquí estaría colocado orixinariamente un Cristo crucificado que a igrexa tiña almacenado e descoñecíase cal era o seu emprazamento.

Compartir: