OFRENDA

A primeira tenente de alcalde, Reyes Leis, delegada rexia na Ofrenda de Translación dos restos do Apóstolo

29/12/2013 Por mor do falecemento de dona Gloria Fernández Aenlle, nai do alcalde de Santiago, Ángel Currás, designado inicialmente coma delegado rexio na cerimonia da Translación dos restos do Apóstolo, a Casa Real vén de confirmar que será a primeira tenente de alcalde, Reyes Leis, a encargada da Ofrenda Nacional. Exercerá coma secretario o terceiro tenente de alcalde, Francisco Noya.

A Catedral de Santiago acolle como cada 30 de decembro a cerimonia da Ofrenda de Translación dos restos do Apóstolo. O acto relixioso no que a delegada pronunciará a súa ofrenda comezará en torno ás 12:00 horas. Antes (11:15 horas), Reyes Leis realizará o pase de revista ás tropas.

Logo da misa, as autoridades dirixiranse ao pazo de Raxoi, onde a delegada rexia presidirá unha recepción con motivo desta celebración e asinará no Libro de Honra.

Unha tradición de séculos
A cerimonia da Translación celébrase anualmente o 30 de decembro en recordo do traslado dos restos do Apóstolo Santiago dende o porto de Jaffa (Xerusalén) ata as costas galegas, onde foron desembarcados no peirao de Iria Flavia (Padrón). Segundo a tradición, a Raíña Lupa, soberana das terras, enviou tropas en persecución da comitiva apostólica, que foi salvada por un milagre que afogou aos perseguidores nas augas do río Tambre.

A Raíña Lupa quedou tan abraiada por este feito que ofreceu a súa axuda aos discípulos para que puideran soterrar os restos do Apóstolo, que son trasladados nun carro tirado por bois que ao azar buscan no lugar para o repouso do fillo de Zebedeo. Tras deterse (sempre segundo a lenda) na fonte da actual rúa do Franco, os bois continúan o seu camiño ata quedar inmóbiles no lugar que dende aquela se denomina Libredón (Liberum domum, regalo libre), onde é soterrado e pasa ao esquecemento o Apóstolo ata o seu posterior descubrimento no ano 813 por un eremita.

Compartir: