FESTAS

Recollida de alimentos non perecedoiros para a Cociña Económica nunha xornada de "Humildade pola solidariedade"

28/12/2013 A Concellería de Festas colaborou por segundo ano consecutivo na Humildade pola solidariedade, unha xornada solidaria e festiva organizada pola Confraría da Humildade que se celebrou na igrexa de Santa María do Camiño. Os alimentos non perecedoiros recadados irán destinados á Cociña Económica. O concelleiro de Festas, Francisco Noya, achegouse ata o templo pola tarde.

A recollida de alimentos comezou xa pola mañá na igrexa de Santa María do Camiño. Pola tarde, o Paxe Real visitou a igrexa para que os nenos lles entregaran as súas cartas dirixidas aos Reis Magos. Logo houbo un pasarrúas polo Casco Histórico a cargo da Agrupación Musical Virxe da Amargura (Ferrol) e unha eucaristía na honra de San Xoán Evanxelista e da Natividade do Noso Señor. Para os que se achegaron ata a igrexa durante a xornada houbo chocolate quente.

Este día solidario pechouse cun certame de panxoliñas. Participaron a Coral de Amigos do Conservatorio de Música de Santiago, a Coral Coto da Nai, a Coral Polifónica Colexiata de Sar e a Agrupación Musical Virxe da Amargura.

Compartir: