MULLER E IGUALDADE

Clausurado o Congreso de Intervención e Prevención da Violencia de Xénero

30/11/2013 A concelleira de Muller e Igualdade, María Castelao; xunto co presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo; a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; e o subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán, clausuraron o I Congreso Nacional de Intervención e Prevención da Violencia de Xénero, que se celebrou no Hotel Oca Puerta del Camino.

Este I Congreso Nacional de Intervención e Prevención da Violencia de Xénero foi durante tres días un foro de intercambio e reflexión sobre os diferentes enfoques de actuación ante a violencia de xénero, para mellorar a formación entre os diferentes profesionais cara unha eficaz prevención. O Congreso tivo carácter multidisciplinar e nel participaron especialmente profesionais que traballan en áreas ás que afectan directamente cuestións relacionadas coa violencia de xénero. 130 persoas participan no encontro.

Neste foro abordáronse as cuestións relacionadas coa violencia de xénero dende distintas áreas profesionais, dando resposta ás necesidades que se demandan dende as diferentes disciplinas. Profesionais de diferentes ámbitos ofreceron relatorios, complementados con dúas mesas redondas: unha sobre a violencia de xénero no ámbito xudicial galego e outra sobre as boas prácticas policiais para combater esta lacra.

Compartir: