TURISMO

Turismo de Santiago estrea logo

29/11/2013 A concelleira de Turismo, Reyes Leis, presentou o novo logo de Turismo de Santiago. Trátase dunha imaxe composta de tres elementos. O central e máis destacado é o propio nome da cidade, Santiago de Compostela. O segundo, na parte superior, un esbozo da Catedral vista dende a Alameda, cunha perspectiva máis ampla que a imaxe tradicional dende o Obradoiro. O terceiro elemento, na parte inferior, é Turismo, que sirve para situar a empresa municipal como a entidade encargada da promoción turística da cidade.

O anterior logo da empresa municipal databa do ano 2000. A decisión de modificar o logo e a imaxe corporativa da empresa tomouse debido á necesidade de adaptarse aos novos tempos, despois de que esta imaxe quedase un pouco desfasada despois de trece anos. O anterior logo non tiña unha referencia visual directa a Santiago, polo que a cidade se identificaba só co texto, que era "Turismo de Santiago de Compostela". O novo logo si identifica a cidade tanto visual como textualmente, polo que se adapta mellor aos novos xeitos de comunicar a través Internet e das redes sociais.

Na rolda de prensa participaron Francisco Vázquez e Ana Rosón, da empresa de Santiago Estudio Decajón, creadores do novo logo. A súa proposta foi seleccionada mediante un concurso no que foron convidadas a participar diferentes empresas de deseño da cidade.

Segundo as creadoras do deseño, "obxectivo fundamental do novo logo sería o de recuperar o nome da cidade como máximo expoñente dos valores que a definen e a fan recoñecible: o seu carácter histórico e monumental, o marcado peso da tradición cultural e o seu carácter aberto e moderno, sintetizando así a mellor fusión de tradición e modernidade. Estas cuestións son as que intentaron mostrar destacando o nome completo da cidade, Santiago de Compostela".

"A imaxe, como complemento, busca a súa esencia na representación do símbolo máis universal da cidade, a Catedral –vista dende a Alameda–, por medio dun esbozo, dun apunte de viaxe que sirve de evocación do visto e vivido por cada viaxeiro que experimentou as sensacións propias desa paisaxe", din.

Compartir: