ALCALDÍA

Angrois inaugura cruceiro en lembranza das vítimas do accidente ferroviario

29/11/2013 Este sábado, ás 17:30 horas, inaugurarase no campo da festa de Angrois o novo cruceiro da parroquia, en lembranza ás vítimas do accidente ferroviario do 24 de xullo. O alcalde compostelán, Ángel Currás, presidirá a cerimonia, á que tamén asistirán outros membros da Corporación. A continuación celebrarase un magosto organizado pola Asociación de Veciños da parroquia, coa colaboración do grupo de gaitas e pandereteiras da Colexiata de Sar.

A propia asociación veciñal decidiu o emprazamento do cruceiro no campo da festa, así coma o seu deseño. Ademais, cómpre destacar como curiosidade que as pedras do camiño empedrado que transcorre entre o cruceiro e a pérgola pertencían á base do palco destruído no accidente ferroviario e que no seu momento fora custeado polos propios veciños.

En canto ao cruceiro, na base leva a cápsula do tempo, isto é, un cilindro no que se gardan as portadas dos periódicos do día do accidente do Alvia, así como as fotos do día da entrega da Medalla de Ouro da cidade aos veciños e veciñas de Angrois. Este cilindro está cuberto por unha tapa de pedra na que se gravou a cruz de Santiago.

O cruceiro é de granito silvestre tostado, cun acabado abuxardado rudo e envellecido. Está composto por unha base maciza de 200x200 cm, un segundo chanzo de 130x130 cm, base tallada con nome e data, fuste chafranado. Enriba leva un capitel moldeado e, como remate, unha cruz de ánimas típica da zona.

A altura total do cruceiro é de 450 cm. Todas as pezas van encaixadas unhas sobre outras, como nos antigos cruceiros. O peso aproximado é de 3.750 quilogramos.

Compartir: