PLENO

A Corporación aproba a concesión da Medalla de Ouro da Cidade aos veciños e veciñas de Angrois

31/10/2013 A Corporación municipal aprobou en Pleno por unanimidade a concesión da Medalla de Ouro da cidade aos veciños e veciñas da parroquia de Angrois, en recoñecemento público a súa actuación solidaria con motivo do tráxico accidente ferroviario do 24 de xullo.

Na proposta da Alcaldía lémbrase aquela xornada na que "a nosa cidade sufriu a maior traxedia da súa historia co accidente do tren Alvia o seu paso por Angrois". Ante a mesma, indícase que "a rápida actuación das veciñas e veciños foi esencial para que moitas das vítimas puideran salvar a súa vida. Esta mostra de valor e solidariedade merece a máxima distinción e recoñecemento".

Urbanismo
En materia de urbanismo, aprobáronse dous puntos por unanimidade, o primeiro dos cales foi a modificación puntual do catálogo do Plan Xeral de Ordenación Municipial (PXOM), corrixindo un erro nunha ficha relativas ao conxunto en Casal da Horta e incorporando ao catálogo dous elementos: Pazo do Lermo e Pombal do Lermo.

Tamén se deu o visto bo definitivo ao estudo de detalle das parcelas 17A e 17B do SUNP-31 de San Marcos, concretando as condicións estéticas e de composición da edificación complementarias do planeamento.

Seguindo co urbanismo, cos votos favorables do grupo municipal do Goberno e malia o pronunciamento negativo dos grupos socialista e nacionalista, aprobouse inicialmente a modificación da ordenanza municipal reguladora da publicidade e rotulación.

Compartir: