BENESTAR SOCIAL

O Concello reafirma o seu compromiso co labor do Albergue Xoán XXIII

31/10/2013 A concelleira de Benestar Social, María Castelao, visitou o Albergue Xoán XXIII en compañía do seu director, Francisco Castro, co que falou dos programas que subvenciona o Concello e das necesidades actuais do centro, que nos últimos anos veu incrementado de forma significativa o seu número de usuarios.

María Castelao agradeceu o labor que realiza o Albergue, "moi valorado tanto polo Concello como pola cidadanía de Compostela". Por iso, reiterou o compromiso municipal con este Centro Xoán XXIII, tanto mediante as subvencións nominativas que contribúen a financiar algúns dos seus programas como con outras posibles colaboracións para outorgar as "máximas facilidades" para o servizo de atención e acollida.

A propósito deste servizo de acollida, Francisco Castro chamou a atención sobre o cambio que ten rexistrado o perfil dos usuarios nos últimos anos. "Antes acolliamos aos que tradicionalmente denominamos sen teito, pero agora atopámonos coa realidade de moitos veciños e veciñas que, debido á crise, viven situacións de precariedade e limitación". Estes veciños fan uso dalgúns dos servizos do Albergue.

A falta de pechar as cifras deste ano, o director do centro indicou que, en 2012, se atenderan unhas 1.200 persoas, das que 660 eran sen teito e, o resto, estes novos usuarios dos que falaba. Sobre a atención que se presta a todos estes usuarios, apuntou que, ademais do labor asistencial, o Albergue quere "axudar a dignificar a vida destas persoas".

Compartir: