CEMITERIOS

Reforzo dos servizos en Boisaca con motivo de Todos os Santos e Defuntos

30/10/2013 A concelleira responsable de Sanidade e Cemiterios, María Pardo, visitou o cemiterio de Boisaca para inspeccionar o seu estado antes da celebración das festividades de Todos os Santos e Defuntos, xornadas de grande afluencia de persoas. Nestas dúas datas reforzarase o servizo de transporte urbano na liña 1, que vai ata o camposanto, así como os servizos de abastecemento e saneamento, alumeado público, conservación de zonas verdes, recollida do lixo e mantemento de infraestruturas e do propio cemiterio.

O xoves 31 de outubro, os autobuses da liña 1 circularán cunha frecuencia de 16 minutos ao longo de todo o día. O venres 1 de novembro, a frecuencia será de 16 minutos durante o horario de apertura do cemiterio (de 9:00 a 20:00 horas) e de 30 minutos no resto da xornada.

Ademais, a Brigada de Parques e Xardíns procedeu a limpar a maleza nas marxes de pistas, camiños e zonas de estacionamento do cemiterio, con especial atención á glorieta de acceso ao recinto pola zona sur. A concesionaria do cemiterio tamén procedeu a limpar o interior do recinto: edificios, camiños, espazos entre sepulturas, nichos, panteóns, muros, aseos, etc. Estes labores de limpeza complétanse cos executados pola concesionaria do servizo de limpeza viaria e recollida do lixo, que limpou os accesos e inmediacións do camposanto, lavou os colectores e colocou dentro do recinto 16 colectores de lixo de 240 litros.

Outros traballos realizados foron os de repaso do funcionamento do alumeado público tanto no interior do cemiterio como nas súas inmediacións. A concesionaria do servizo de augas comprobou igualmente o funcionamento de fontes e instalacións de auga e canlóns de pluviais.

Cómpre lembrar tamén que, nestes días previos a Todos os Santos, non se permitiron traballos nas unidades de enterramento. Ás empresas construtoras tamén se lles obrigou a deixar limpas as zonas de traballo, retirando e xuntando os materiais sobrantes.

Estatística 2013
Nos nove primeiros meses de 2013, o cemiterio de Boisaca rexistrou un total de 325 inhumacións e 86 incineracións. Na totalidade do 2012 realizáranse 301 inhumacións e 57 incineracións.

Os datos xerais do cemiterio indican que na actualidade conta con 8.659 sepulturas, 2.433 nichos e 168 panteóns construídos. Ata o 30 de setembro, houbo un total de 69 novas ocupacións: 27 nichos en aluguer, 13 nichos en concesión, 24 sepulturas en concesión e 5 cinerarios en concesión. En todo 2012 foran 58 as novas ocupacións.

Nestes intres están libres 22 nichos, 344 nichos cinerarios e 81 sepulturas a construír. O cemiterio de Boisaca ten unha superficie total de 66.000 metros cadrados, dos cales 2.800 son terreo propio.

Tarifas
Na actualidade, as taxas pola utilización do cemiterio son as seguintes:
- Concesións de terreo, para construción de mausoleos, criptas e panteóns: 625,20 €.
- Concesión de nichos por 75 anos: primeira clase, 817,30 €; segunda clase: 775,70 €.
- Concesións de nichos cinerarios por 75 anos: 148,10 €.
- Concesións de sepulturas por 75 anos: 240,30 €.
- Aluguer de nichos segunda clase: ocupación polos cinco primeiros anos: 27,80 €; prórroga anual de aluguer que exceda de cinco anos: 27,80 €.
- Construción de mausoleos, panteóns, criptas sepulturas baixo terra: por permiso e metro cadrados ou fracción de superficie delimitada por perímetro de zócolo, 36,80 €.

Compartir: