EDUCACIÓN

Vacacións en paz para os nenos e nenas saharauís

30/06/2006 Ao igual que en anos anteriores, a Concellaría de Educación pon en marcha o programa Vacacións en paz, grazas ao cal un grupo de nenos e nenas saharauís son acollidos por familias compostelás. Estes rapaces e as súas familias santiaguesas foron recibidos polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo e outros membros da Corporación.

Esta iniciativa está concibida no marco da solidariedade e da axuda desinteresada e co fin de proporcionar mellores vacacións aos nenos e nenas saharauís. Teñen entre 7 e 14 anos e proveñen dos campamentos de refuxiados saharauís que se encontran na zona de Tinduf, no suroeste de Alxeria.

Trátase de ofrecer a estes nenos nacidos no medio da guerra e sometidos ás súas duras consecuencias, unha posibilidade de coñecer formas distintas de vida, de maneira que isto contribúa, non só á súa formación, senón a mellorar a comunicación e o entendemento entre os pobos e promover valores de solidariedade e cooperación dos composteláns.

Os rapaces estarán en Santiago nos meses de xullo e de agosto. Durante a súa estadía na cidade estarán acompañados por un adulto saharauí, que actuará de coordinador e intérprete. Aloxaranse na casa de familias compostelás e o Concello organizará unha serie de actividades complementarias co obxecto de facilitar a integración dos rapaces.

Compartir: