URBANISMO

As 650 vivendas do SUP-7 de Pontepedriña comezarán a construírse a finais de ano

30/06/2006 O Consello de Administración da Empresa Municipal de Vivenda e Solo (EMUVISSA) aprobou sacar a licitación as obras de urbanización do SUP-7 de Pontepedriña, onde se levantarán 650 novas vivendas. Os traballos adxudicaranse en outubro e a previsión é que comecen a finais de 2006 ou principios do ano que vén. O orzamento será de 5.944.000 euros.

Na xuntanza tamén se acordou sacar a concurso as obras de urbanización dos SUNP 11 e 12 de Castiñeiriño, nos que se construirán 550 vivendas e se actuará sobre una superficie duns 100.000 metros cadrados. O custo total de ámbalas obras é de 7.423.000 euros. Estas áreas de vivendas sitúanse en paralelo á estrada de Ourense, nas partes posterior e anterior á igrexa do Castiñeiriño.

No capítulo de solo industrial, EMUVISSA adxudicou a redacción do proxecto dos polígonos SUNP-37.3 da Costa Vella e SUNP-38 de Formarís, ademais do enlace destas dúas áreas coa N-550 Santiago-Coruña. Estes espazos sitúanse no entorno da FINSA e as súas obras suporán un investimento de máis de 17 millóns de euros. Agárdase que a primeira pedra destes polígonos se coloque no primeiro semestre de 2007.

Compartir: