REHABILITACIÓN

O Consorcio subvencionará o mantemento de fiestras e galerías de madeira

29/06/2006 O Consorcio e o Concello de Santiago lanzan un innovador programa de axudas para subvencionar o mantemento da envolvente exterior do edificio e as fiestras e galerías de madeira da Cidade Histórica.

O Consorcio comprométese co mantemento das carpinterías da cidade histórica, materia pendente para estabilizar o uso deste material tan característico dunha cidade patrimonio da humanidade. Con isto complétase o ciclo de axudas que comezan coa rehabilitación das vivendas e dos locais comerciais da Cidade Histórica.

Os pequenos labores de mantemento nas cidades históricas é o que garantiu a súa conservación ao longo do tempo. Desgraciadamente, nos últimos anos, a crise das cidades históricas vén aparellada entre outros factores á perda deste hábito e costume de mantemento, que se desprazou cara outros bens, como por exemplo o automóbil.

A Oficina Técnica do Consorcio, a través do Taller de Proxectos, ocuparase da elaboración dos Plans de Mantemento para cada edificio que o solicite, nos que quedarán recollidos os labores a realizar e o seu custo.

Ademais do mantemento de fiestras e galerías de madeira, o mantemento esténdese á envolvente exterior completa do edificio e a aqueles elementos singulares catalogados, portais e escaleiras interiores.

Así por exemplo, o mantemento das medianeiras, que sempre resultou custoso e difícil de realizar tamén estará subvencionado con este novidoso programa de axudas. As subvencións alcanzarán ata o 50% do custo dos labores de mantemento e o Consorcio librará a axuda na medida en que se vaia executando o calendario de obras definida no Plan.

O prazo para as solicitudes comeza o venres 30 de xuño e finalizará o 30 de xullo. Estas axudas van dirixidas aos inmobles incluídos no ámbito do Plan Especial de Protección da Cidade Histórica. As solicitudes presentaranse na Oficina Municipal da Cidade Histórica e de Rehabilitación (OCiHR), na sede recentemente establecida nos baixos do Pazo de Vaamonde, na Rúa do Vilar nº 59.

O procedemento de xestión é semellante ao xa consolidado para a solicitude de axudas para a rehabilitación de vivendas e locais comerciais. A convocatoria para estas axudas ao mantemento dos edificios foi publicada no Boletín Oficial da Provincia do 29 de xuño, sendo aprobada pola Xunta de Goberno local o 12 de xuño.

Compartir: