PROMOCIÓN ECONÓMICA

Os compradores no comercio compostelán poderán dispor dun servizo de coidado de nenos

29/06/2006 A Concellería de Promoción Económica, en colaboración coa Fundación Santiago Centro Área Comercial e o Centro Comercial Aberto Compostela Monumental, pon en marcha un servizo de coidado de nenos en horario comercial. O servizo está dirixido a rapaces de idades comprendidas entre tres e dez anos e estará dispoñible durante os sábados dos meses de setembro, outubro, novembro e decembro. Tamén haberá unha campaña intensiva no Nadal, en horario de mañá e tarde.

O servizo ubicarase no IES Rosalía de Castro, segundo indicou o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias, na presentación desta iniciativa. Para poder acceder a este servizo, os usuarios poderán ir acumulando bonos polas súas compras ao longo da semana. Deste xeito tamén se pretende recompensar a fidelidade aos establecementos comerciais de Compostela. O servizo publicitarase en campañas nos medios de comunicación, con carteis e co reparto de folletos.

Xosé Manuel Iglesias tamén anunciou outros proxectos que prepara o seu departamento, coma dous mercados temáticos. O seu obxectivo é integrar a compra e o lecer coa capacidade para mobilizar ao público de Santiago. Os mercados celebrarase un no Casco Histórico e outro no Ensanche e adaptaranse á especificidade de cada un destes contornos.

Finalmente, o concelleiro referiuse aos convenios asinados por Promoción Económica con varios medios de comunicación, para que os participantes nos programas desta Concellería poidan contratar publicidade en condicións vantaxosas. Os programa municipais beneficiarios son: Concurso de Escaparatismo SCQ Shooping, Concurso de I+C Imaxinación máis Comercio, Compostela Activa, Equal Compostela Social e Persoa III.

Compartir: