HOMENAXE

Compostela homenaxea ás vítimas dos atropelos en Pontepedriña

29/06/2006 Nos anos 70, o antigo vieiro á Estrada, no contorno do grupo de vivendas Quiroga Palacios, en Pontepedriña foi escenario dunha triste marca de atropelos. Dezaoito persoas faleceron ao intentar cruzar a rúa entre 1973 e 1978. O vindeiro sábado 1 de xullo, a asociación Sandra Prego réndelle homenaxe a estas vítimas nun acto no que se descubrirá unha placa na súa honra na Praza de León.

Unha nena de tan só cinco anos foi a última en falecer neste período. O seu atropelo levou por fin aos veciños de Quiroga Palacios a rebelarse contra esta situación. Hoxe, as dúas asociacións da zona están unidas nunha soa, que leva o nome desa rapaza, Sandra Prego Rial. Os veciños organizaron unha homenaxe en recordo das vítimas, prevista para o sábado 1 de xullo á unha do mediodía. No acto participará o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e membros da corporación municipal.

A partir do sinistro número dezaoito comezaron a reivindicarse solucións para un problema motivado fundamentalmente pola falta de servizo de autobuses para todo o barrio. Máis de 280 familias vivían nas vivendas sociais de Quiroga Palacios e moitos dos seus moradores debían achegarse cada día á travesía e cruzala para coller o autobús. A alta velocidade dos automóbiles, a mala visibilidade e a falta de espazos habilitados para cruzar derivou nunha sinistralidade extraordinariamente elevada.

Despois dunha longa loita, os veciños conseguiron que o autobús finalmente prestara servizo a todo o barrio e así non tivesen que cruzar a rúa. Hoxe, varias décadas despois, pouco queda xa da configuración viaria daquela época e as vivendas da zona comezarán a rehabilitarse nos vindeiros meses, grazas ao Plan de rehabilitación integral posto en marcha polo Concello.

Tras a celebración da homenaxe, unha placa á entrada do barrio, na Praza de León, lembrará ás persoas que perderon a súa vida e que, dalgún xeito ou doutro, marcaron a existencia dos veciños de Pontepedriña.

Compartir: