XUVENTUDE

Doce novas propostas formativas da Concellería de Xuventude para os meses de outubro, novembro e decembro

30/09/2013 A concelleira de Xuventude, Rebeca Domínguez, presentou as actividades formativas do Departamento para o último trimestre do ano. Son doce propostas diferentes que intentan atender os principais intereses e motivacións dos mozos de Compostela. A inscrición xa está aberta.

Todas as actividades son de balde, salvo tres, que teñen un prezo de dez euros. Neste trimestre hai varias novidades, pero tamén se repiten cursos en áreas con alta demanda e aceptación en anteriores períodos. Están dirixidos a mozos e mozas a partir de 14 ou 16 anos.

Na área de emprego haberá dous cursos: un de busca activa de emprego (29 e 31 de outubro e 5 e 7 de novembro) e outro de emprendemento xuvenil, con data aínda por determinar. No ámbito de internet, repítese curso de redes sociais os días 25 e 27 de novembro e 2, 4, 9 e 11 de decembro, na Casa das Asociacións de Cornes.

Outra temática con importante demanda é a fotografía. Por iso, nesta ocasión, se fará un curso de iniciación á fotografía dixital ( 15, 16, 22 e 23 de novembro) e outro de iniciación ao retoque dixital con Photoshop (26, 29 e 30 de novembro).

A cociña tamén será protagonista na programación formativa do outono, con obradoiros sobre setas (16 de novembro), Nadal entre Amigos (23 de decembro) e doces de Nadal (30 de decembro), todos eles en Hello Cooking. Estas tres actividades teñen un prezo de 10 euros.

A oferta complétase con catro cursos máis: curso de iniciación á pintura paisaxística (do 10 de outubro ao 28 de novembro), conversas en inglés (do 16 de outubro ao 18 de decembro), obradoiro de artesanía, xoias e complementos (24 e 25 de outubro) e obradoiro de pequenos agasallos (26 e 27 de decembro).

Compartir: