ALCALDÍA

O Concello recibe a parcela de 3.600 metros cadrados na que se construirá a nova área recreativa de Angrois

28/09/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás; a ministra de Fomento, Ana Pastor; e a xerente de Patrimonio de ADIF asinaron en Raxoi o acordo de cesión dos terreos de ADIF ao Concello de Santiago para a construción dun parque público en Angrois. Testemuñas da sinatura foron os representantes veciñais de Angrois.

O Concello recibe así un terreo de 3.600 metros cadrados no que se construirá unha área de recreo. Este recinto de lecer disporase ao outro lado da vía e a carón do Camiño da Prata. Unha vez delimitado o espazo e formalizada a cesión dos terreos, procederase á redacción do proxecto.

Ángel Currás agradeceu a presenza de Ana Pastor e agradeceu a súa "sensibilidade" e a de ADIF para satisfacer esta "vella demanda dos veciños de Angrois". Neste sentido, a ministra indicou que "se fixeron os trámites da maneira máis rápida posible, para que se poida empezar a construír esta área de lecer".

Pola súa parte, o presidente da Asociación de Veciños de Angrois, Xosé Anxo Puga, deu as grazas ao Concello e ao Ministerio por facer posible que "os nosos nenos teñan un espazo onde xogar máis tranquilos".

Compartir: