CULTURA

A irlandesa Tara abre a súa xira española no Teatro Principal

29/06/2006 A Concellaría de Cultura de Santiago e Cadena 100 presentan en concerto á cantante internacional Tara Blaise. Será o luns, 3 de xullo, no Teatro Principal ás 21.00 horas e as entradas, gratuítas, pódense recoller nas instalacións de Cadena 100 en Compostela.

A carreira de cantante de Tara comezou aos 16 anos cando formou un grupo chamado Les Legumes con algúns amigos da escola, pero o que máis lle axudou foi o seu paso como corista polo grupo dublinés The Wilde Oscars xa que foi entón cando se deu conta do seu interese pola música irlandesa.

Despois de The Wilde Oscars chegou Igloo, que conseguiu facerse un nome no circuíto en directo e producir uns cantos singles moi ben recibidos. Tara víase en horizontes máis lonxanos, e cando o grupo Kaydee a invitou a ser a súa cantante trala marcha da anterior, ela aceptou encantada.

O disco de Kaydee foi gravado de novo despois de unirse Tara ao grupo e recibiu boas críticas. A pesar de todo, de ir de xira e de varias aparicións no circuíto de clubes londinenses, Kaydee nunca chegou a ser moi coñecido fóra de Irlanda. Tara decidiu entón seguir en solitario. Foi aquí cando recibiu a chamada dun amigo que lle presentou a John Hughes (manager de The Corrs, director musical da película de Alan Parker The Commitments, e antes músico de Minor Detail)

John Hughes estaba entón inmerso na produción dun proxecto musical propio, Wild Ocean, e buscaba unha vocalista e letrista. Tara e Hughes colaboraron no tema Dancing In the Wind e funcionou tan ben que decidiron gravar un tema máis, Come Away.

En medio de todo isto, e animada por Hughes, Tara completou as súas clases dramáticas na prestixiosa escola de arte dramático, Gaiety School of Acting, mentres poñía a voz e aparecía no vídeo de Deo, o primeiro sinxelo do álbum de Hughes. Finalmente, John Hughes ofreceulle gravar o seu primeiro álbum, e mandouna a gravar a Los Ángeles co produtor de The Corrs, Olle Romo.

O resultado é o seu primeiro álbum, Dancing On Tables Barefoot, no que atopamos unha Tara Blaise aliada a un amplo espectro de estilos, desde o máis intimista ata o son do mellor pop. O seu primeiro sinxelo e vídeo, The Three Degrees, xa está soando nas radios e televisións españolas cunha excelente acollida.

Compartir: