CENTROS SOCIOCULTURAIS

Máis de 2.300 persoas solicitan praza nas 242 actividades ofertadas polos centros socioculturais para o último trimestre do ano

30/09/2013 Un total de 2.323 persoas solicitaron participar nas 242 actividades programadas para este trimestre pola Concellería de Centros Socioculturais e que terán lugar na extensa rede de centros do termo municipal a partir do martes 1 de outubro.

Entre as actividades ofertadas para o último trimestre, salientan pola súa especial demanda as seguintes: ximnasia, informática, xadrez, pintura, teatro, memoria, guitarra, pilates, baile ou xogos con inglés. A Concellería destaca tamén a súa aposta polas culturas e linguas estranxeiras, co inglés e o alemán como linguas máis demandadas, pero tamén con grupos formados de chinés ou de árabe no Centro Sociocultural do Ensanche.

Mención especial merece o Centro Sociocultural de Santa Marta, que comezou a funcionar a principios de este ano. A día de hoxe atópase ao 100%, ao rematarse totalmente a Sala Agustín Magán, recinto que lle dá un valor engadido ao permitir uns usos adicionais moi específicos, como o cine e o teatro. A irrupción deste centro na vida do barrio é un éxito. A proba disto é que se trata do centro da rede con máis actividades propostas, 31, e con máis persoas interesadas en participar nelas, 379.

Estas actividades e cursos constitúen a programación ordinaria dos centros socioculturais para estes meses, pero hai que sumarlle outros programas estacionais como o Compostela Cine Classics e os ciclos de teatro –en marcha neste momento- ou o Vive o Nadal. Ademais, esta ampla programación municipal vese complementada pola promovida dende as asociacións de veciños ou dende outros colectivos que dan vida aos centros socioculturais.

Compartir: