MEDIO AMBIENTE

Compostela recolle o premio ISR 2006 á sostibilidade

28/06/2006 A concelleira de Medio Ambiente, Marta Álvarez-Santullano recolleu en Castellón o Premio ISR 2006, que recoñece os resultados obtidos pola cidade en materia de sostibilidade. O xurado deste galardón, outorgado polo Instituto para a Sostibilidade de Recursos (ISR) valorou por unanimidade o conxunto de actuacións postas en marcha polo Concello nos ámbitos económico, social, ambiental e cultural.

Na súa intervención, Marta Álvarez destacou a satisfacción que para Santiago supoñía recibir este premio "nun momento histórico no que a nosa cidade está vivindo un interesante proceso de transformación urbanística sen precedentes". A este respecto lembrou o cambio rexistrado nas últimas tres décadas: "Santiago pasou de ser unha cidade cun claro carácter histórico e medieval a ser capital política e administrativa de Galicia. De pequena cidade de gran tradición universitaria e eclesiástica pasamos a ser unha urbe en desenvolvemento, cun gran crecemento comercial, industrial, administrativo e un claro destino de atracción turística en todo o mundo".

"Nestas circunstancias, temos a gala ter desenvolvido unha planificación urbanística excepcional, respectuosa co hábitat histórico e co medio ambiente, que nos valeu o recoñecemento de institucións nacionais e internacionais, especialmente no ámbito da rehabilitación", indicou a concelleira. Finalmente agradeceu o premio ISR, "que vén a avalar unha permanente preocupación do goberno municipal pola protección do medio ambiente para manter e acrecentar a calidade de vida dos cidadáns.

Con este premio, o Concello ve recoñecido o seu labor para mellorar a calidade ambiental do contorno urbano e contribuír a facer de Santiago unha "cidade verde e habitable". O galardón tamén ten en conta a recuperación integral do casco histórico, cun modelo que integra o modelo urbanístico co seu contorno e que coida a conservación e a recuperación material e cultural. O ISR afirma que Santiago é "un grande espazo público que, presidido pola monumentalidade, é tamén un espazo social, cultural e economicamente activo".

Proxección cara o futuro

Outro dos aspectos recoñecidos coa distinción é o Plan Xeral de Ordenación Urbana, co que, segundo o xurado, "Santiago se proxectou cara o futuro para desenvolver novas oportunidades que lle brindan unha estrutura renovada, a modernización da administración local e o impulso de políticas integradas. Diversificouse así a base económica, con especial estímulo á iniciativa privada innovadora".

Igualmente valorado foi o deseño dos espazos libres, xa que a cidade "reivindicou os diferentes corredores fluviais, parques forestais, castros e outeiros como elementos delimitadores da cidade. Estes gozan dun trato diferencial e son imprescindibles para o óptimo desenvolvemento urbano, contribuíndo a potenciar a biodiversidade e a paisaxe".

En canto á mobilidade, o premio recoñece "o esforzo realizado para incorporar a cidade nas redes española e europea de transporte e comunicación, así como para mellorar a infraestrutura viaria de carácter metropolitano e potenciar o uso do transporte público".

Tamén importante é a correcta xestión dos residuos e as campañas realizadas para lograr unha maior implicación cidadá na separación de residuos domésticos. Neste sentido, estimouse o incremento tanto do persoal como do número de vehículos e recursos materiais empregados na recollida de lixo, ademais de implantar de forma progresiva o novo sistema de illas de colectores subterráneos.

Cidade inclusiva

No eido da cohesión social, Compostela aparece coma unha cidade inclusiva e que conta con políticas de solidariedade, igualdade e equidade social. A distinción destaca "o esforzo realizado na detección e na análise das necesidades e carencias sociais e na organización das prestacións de protección e de asistencia social, con especial incidencia nos colectivos máis vulnerables: infancia, persoas maiores e persoas con discapacidades".

Finalmente, o dictame do xurado tamén lembra "o labor de integración social e laboral das minorías étnicas e dos colectivos de inmigrantes e emigrantes retornados, realizado dende os servizos sociais municipais". O premio recoñece o traballo realizado no eido da colaboración estable cos axentes culturais, tales coma entidades, salas alternativas, creadores e promotores.

O Instituto para a Sostibilidade dos Recursos instituíu en 2003 os Premios ISR para recoñecer publicamente cada ano a aquelas persoas, organizacións, empresas e institucións que contribúen de maneira relevante ao cumprimento dos principios de desenvolvemento sostible, nas súas dimensións social, económica, ambiental e cultural.

Compartir: