XUNTA DE GOBERNO

Outros 266.000 euros en axudas para as áreas de rehabilitación de Vista Alegre, Pontepedriña e Casco Histórico

29/08/2013 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou definitivamente axudas de diferentes fases das áreas de rehabilitación integral (ARI) de Vista Alegre, Pontepedriña e Casco Histórico. En total, estas axudas suman algo máis de 266.000 euros.

Segundo explicou a voceira da Xunta de Goberno, María Pardo, aprobáronse axudas correspondentes á 12ª fase da ARI do Casco Histórico, por importe de 43.261 euros, e á 13ª fase, por 173.552 euros. No caso de Vista Alegre, deuse o visto bo a unha axuda de 10.560 euros correspondente á 5ª fase e, en Pontepedriña, autorizáronse outras por importe de 39.088 euros da 3ª fase.

Cómpre lembrar que todas estas axudas son achegadas polo Ministerio de Fomento e o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) en virtude dos convenios asinados por estes organismos co Concello nas súas diferentes fases.

Rehabilitación en Sabugueira
Na sesión tamén se aprobou a obra de restauración do teito da capela de San Roque, na parroquia de Sabugueira. Esta actuación, realizada polo Consorcio de Santiago, supón un investimento de 20.570 euros e ten un prazo de execución de tres meses.

Compartir: