SERVIZOS BÁSICOS

De la Fuente proporá o incremento da contía das sancións por actos incívicos como pintadas ou vertidos ilegais

29/08/2013 O concelleiro da Brigada de Vías e Obras e Xestión Ordinaria de Servizos Básicos, Juan de la Fuente, anunciou que é a súa intención propor un incremento significativo das sancións por actos incívicos, dos que puxo como exemplo as pintadas ou os vertidos incontrolados. Lonxe de ter un afán recadador, considera que as sancións teñen que ser "proporcionais" ao dano causado, para que exerzan un maior efecto disuasorio.

Un deses actos incívicos denunciados por De la Fuente foi o dos vertidos incontrolados. Así, referiuse á sanción máxima de 1.500 euros proposta para un veciño de Figueiras ao que a Policía Local detectou depositando colchóns e sofás nas inmediacións do clausurado vertedoiro de Fornás, en Aríns. O edil demandou dureza para condutas como a desta persoa, que "preferiu facer un vertido nun lugar non permitido cando ten un punto limpo en Piñor, a pouca distancia da súa casa, e cando mesmo se pode solicitar que se lle recollan estes residuos no seu domicilio".

A propósito deste tema, o concelleiro lembrou o importante traballo que realizou o actual Goberno local de eliminación de vertedoiros incontrolados que proliferaban polo municipio. De aí que se teña "tolerancia cero" con este tipo de condutas.

Outra das prácticas denunciadas por De la Fuente é a das pintadas. Segundo dixo, tense producido un repunte nestes actos vandálicos, feito do que dá conta o aumento do gasto municipal en eliminación de pintadas a estas alturas do ano. Así, se en todo o 2012 se gastaran uns 120.000 euros por este concepto, só ata agosto deste ano xa se investiran uns 160.000 euros, indicou. A isto hai que sumar o gasto polas pintadas que elimina directamente a concesionaria Urbaser no Casco Histórico.

Seguindo cos actos incívicos, o edil tamén se referiu aos dous vertidos de pintura vermella sobre a escultura de Bieito XVI nas Cancelas producidos en poucos días, ou a unha sanción imposta por depositar lixo fóra do horario establecido na zona monumental.

Compartir: