TRÁFICO

Os controis de velocidade realizados a 2.147 vehículos do 19 ao 25 de agosto deixan un balance de unicamente 12 denuncias

28/08/2013 No marco das campañas de vixilancia e control promovidas pola Dirección Xeral de Tráfico, do 19 ao 25 de agosto realizouse un control especial de velocidade en varios puntos da cidade. Dos 2.147 vehículos controlados só 12 superaban os límites de velocidade e foron propostos para sanción, o que supón unicamente un 0,55% do total.

O concelleiro de Tráfico e Mobilidade, Luis Bello, deu conta dos controis realizados, dos que advertían xenericamente os paneis informativos da cidade. Así, a vía con máis tomas de datos foi a avenida do Cruceiro da Coruña, onde se fixeron 474 controis en sentido saída da cidade e 147 en sentido entrada. Foi esta vía onde tamén se detectaron máis infraccións, xa que nove vehículos superaron os límites en sentido saída e 1 en sentido entrada.

Das outras dúas denuncias, unha procede dos controis realizados na avenida de Lugo (sentido centro da cidade), con 609 vehículos vixiados, e outra das inspeccións na Muíña, en San Lázaro (sentido centro da cidade), con 57 controis realizados. Tamén se fixeron controis no viaduto da Rocha, sentido saída da cidade (578); na vía Édison, do Polígono do Tambre (160); e na Torreira, en dirección á cidade (122). Nestes tres puntos ningún vehículo superaba os límites sancionables. Salvo no caso da Muíña, no que o límite de velocidade é de 40 km/h, nos outros seis puntos controlados na campaña este límite é de 50 km/h.

Luis Bello cualificou de "positivos" estes datos, que melloran os rexistrados en campañas anteriores. Non obstante, lembrou que a Policía Local seguirá realizando controis de velocidade a través do vehículo con radar dispoñible, tal como vén facendo habitualmente. En particular, dixo, reforzaranse os controis en zonas como a do Cruceiro da Coruña, onde nesta ocasión se rexistraron máis infraccións. Tamén se seguirán atendendo algunhas demandas veciñais de controis en puntos nos que se detecten velocidades excesivas.

Compartir: