SOSTIBILIDADE

O convenio da nova EDAR recollerá o emprazamento definitivo no Souto e as melloras provisionais na actual depuradora

31/07/2013 A concelleira de Sostibilidade, María Pardo, ofreceu máis detalles da reunión mantida polo alcalde, Ángel Currás, co secretario de Estado de Medio Ambiente, Federico Ramos. Así, indicou que o compromiso de melloras provisionais na actual depuradora estará incluída no convenio de execución e explotación da nova EDAR que se asinará en setembro por Concello, Xunta e Aqua España.

Lembrou María Pardo que a Secretaría de Estado de Medio Ambiente encargará a redacción do proxecto que recollerá a solución técnica provisional para reducir a cantidade de efluentes contaminantes que a actual depuradora da Silvouta verte ao río Sar. Indicou que se estima un custo de 3 millóns de euros para esta intervención e un prazo de execución de seis meses.

Esta solución técnica para a redución de vertidos contaminantes -que a edil cifrou en torno ao 60-70% na actualidade- será logo aproveitada para a nova EDAR. Tal como manifestara o alcalde, o sistema preferido é o da decantación acelerada, pero será en todo caso o Ministerio o que decida a solución técnica definitiva. A decisión municipal de solicitar estas medidas provisionais ata ter a nova EDAR é tamén unha resposta ás recomendacións realizadas neste sentido por Augas de Galicia.

O convenio que se asinará en setembro incluirá tamén a nova situación definitiva da depuradora no lugar do Souto e a modificación da denominación de Aquanorte pola nova de Aqua España, engadiu a concelleira.

Sobre outro dos anuncios saídos da reunión mantida en Madrid polo alcalde, o reinicio das obras do colector xeral do río Sar, María Pardo apuntou que xa se están instalando as casetas de obra en Conxo, polo que os traballos comezarán de inmediato.

En prazo
"Haberá depuradora e en prazo", afirmou a concelleira a preguntas dos xornalistas sobre o financiamento da infraestrutura, lembrando que se prevé un prazo de licitación dun ano e 36 meses de execución. Indicou que se utilizará "a parte que se poida" dos 41 millóns de fondos europeos dispoñibles na actualidade e que se completará a execución desta obra de interese xeral tamén con fondos europeos.

Compartir: