DEPORTES

Santiago acollerá o Campionato de España de Ultimate os días 24 e 25 de agosto

31/07/2013 Santiago de Compostela acollerá o 24 e o 25 de agosto o Campionato de España de Ultimate (1ª Division Open) sobre herba. O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou esta competición de disco voador, que será organizada por un novo club santiagués, o Xabaríns Ultimate.

O edil enmarcou este campionato no esforzo municipal por difundir deportes minoritarios. Neste caso, trátase dunha disciplina deportiva con grande éxito en países como Estados Unidos, pero que só leva uns anos implantada en Europa e que, no caso de España, se introduciu a través das Illas Canarias, estendéndose logo ao resto do territorio. Así, participarán unhas 120 persoas, integrantes de equipos de diversas comunidades autónomas.

Os campos municipais das Cancelas e do Sergas albergarán os partidos do campionato o sábado 24 e o domingo 25 de agosto. Serán encontros de 90 minutos, que empezarán a iso das 9:00 horas do sábado, segundo indicou Rocío Otero, capitá do Xabaríns. A final celebrarase en torno ás 15:00 horas do domingo.

Outra das xogadoras do equipo, Paula Casal, explicou que o ultimate é un deporte mixto, que se pode xogar en praia, herba ou a cuberto. É unha mestura de baloncesto e rugby, no que os competidores do equipo se pasan o disco voador para intentar alcanzar co mesmo a zona de anotación.

O Xabaríns Ultimate, que xa vén adestrando en instalacións universitarias, conta na actualidade con 13 integrantes. Para o curso 2013-2014, esta disciplina formará parte das actividades oficiais ofrecidas pola Universidade de Santiago, polo que o club agarda que supoña un pulo difundir esta práctica e captar novos xogadores, tanto da USC como de fóra dela. Os adestramentos serán os mércores de 20:00 a 21:00 horas, e disporase tamén outra xornada adicional.

Compartir: