MEDIO RURAL

O Concello acomete a limpeza de gabias e parcelas nas parroquias do rural e as reparacións no firme das súas pistas

29/07/2013 A concelleira de Obras e Infraestruturas, María Pardo, deu conta do inicio de varias actuacións no medio rural, destinadas a limpar as parcelas e cunetas das parroquias do rural e a mellorar o firme das súas pistas.

As obras de roza nas parcelas do rural foron adxudicadas por un importe de 43.899 euros. As abundantes choivas e a consecuente medra da vexetación obrigaron a adxudicar con urxencia esta actuación de roza e limpeza das parcelas. Trátase fundamentalmente de previr os riscos de incendio, pero tamén de atallar un posible problema de salubridade pública e mesmo estético.

Ademais das parcelas, tamén se vai acometer a limpeza das gabias das pistas municipais. Trátase de obras de roza, con retirada de sobrantes a un vertedoiro autorizado, ademais da limpeza de sinais verticais e de elementos de seguridade viaria. O investimento nesta actuación será de 61.983 euros.

Finalmente, a edil falou das obras de reparación do firme nas pistas do rural. Explicou que, como consecuencia do deterioro ordinario, así como da climatoloxía especialmente rigorosa do último ano, os camiños e vías municipais sufriron importantes danos e presentan fochancas e todo tipo de desperfectos. Por iso, esta actuación pretende minimizar os riscos de seguridade viaria, eliminando as fochancas existentes.

Só queda pendente a sinatura dos contratos e a adxudicación das coordinacións da seguridade e saúde para o inicio das obras de inmediato. Os traballos comezarán priorizando aquelas parcelas e pistas con maiores necesidades, para o cal os concelleiros responsables están en permanente contacto coas asociacións veciñais de todas as parroquias.

Sobre este tipo de actuacións, María Pardo anunciou que é intención do seu Departamento licitar un contrato de mantemento que poida facer fronte de xeito regular a este tipo de reparacións. Ademais, xa se están a preparar os proxectos que se presentarán para o Plan de Obras Municipais da Deputación da Coruña para 2014, que incluirán obras integrais nalgúns vieiros do rural.

Compartir: