Acollemento familiar de menores

Descrición

A solicitude de acollemento adoita iniciarse, a instancia dos acolledores, polos servizos sociais de atención primaria, que son os que a remiten á Delegación Provincial da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

Posteriormente, remíteselles aos servizos sociais de atención primaria o documento de formalización para que sexa asinado polos pais ou titores do menor, tanto no caso de consentimento como de oposición ao mesmo.

Documentación necesaria

A formalización do acollemento familiar farase por escrito e remitiráselle pola Delegación correspondente ao Ministerio Fiscal co consentimento das seguintas persoas:

-A Delegación Provincial da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.
-As persoas acolledoras.
-O menor se ten cumpridos 12 anos.
-Os pais se se coñecen e non están privados da patria potestade, ou o titor, excepto se se trata dun acollemento provisional.

No documento de formalización do acollemento debe constar:
-Os consentimentos necesarios.
-A modalidade e duración prevista.
-Periocidade das visitas por parte da familia do menor acollido
-Sistema de cobertura dos danos que sufra o menor dos que poida causar a terceiros.
-Asunción dos gastos de manutención, educación e atención sanitaria.
-O contido do seguimento que se vai facer por parte da delegación correspondente é compromiso de colaboración dos acolledora.
-A compensación económica que, no seu caso, vai percibi-la familia acolledora.
-Informe dos servizos de atención a menores.

Notas para o cidadán

Se os pais ou titor non consenten ou se opoñen ao acollemento, isto só poderá ser acordado polo xuíz (acollemento xudicial). Sen embargo, a Delegación provincial correspondente poderá acordar, en interese do menor, un acollemento provisional namentres se produza a resolución xudicial.

O seguimento desta medida correspóndelle aos equipos técnicos da Delegación Provincial da Consellería de Familia, Promoción do Emprego, Muller e Xuventude. A superior vixilancia correspóndelle en todo caso ao Ministerio Fiscal.

O cese do acollemento do menor producirase:
-Por decisión xudicial.
-Por decisión das persoas acolledoras previa comunicación á Delegación provincial correspondente.
-A petición do titor ou dos pais que teñan a patria potestade e reclamen a súa compañía.
-Por decisión da Delegación provincial correspondente, cando o considere necesario para salvagardar o interese do menor escoitados os acolledores.

Modalidades de acollemento atendendo a súa finalidade:
-Simple, de carácter transitorio, cando se dean as condicións nas que é relativamente previsible o retorno do menor á súa familia ou mentres non se adopte unha media máis estable.
-Permanente, cando a idade e outras circunstancias do menor e da súa familia así o aconsellen e así o informen ós servizos de atención ao menor. A delegación poderá solicitar ao Xuíz que atribúa ós acolledores aquelas facultades da tutela que faciliten o desempeño das súas responsabilidades en beneficio do menor.
-Preadoptivo, formalizarase pola delegación correspondente, cando ésta eleve a proposta de adopción do menor ante a autoridade xudicial e cando a delegación considere que é necesario establecer un período de adaptación á familia, antes da proposta de adopción, que en ningún caso poderá ser máis dun ano.

Servizos especializados de acollemento
O ingreso dun menor nun centro producirase cando se esgoten todas as restantes posibilidades, sen prexuízo de que cando a gravidade da situación requira unha actuación inmediata, poderá acordarse o acollemento urxente do menor tutelado nunha institución, neste caso a garda do menor será exercida polo director/a da mesma. Todos os servizos, fogares funcionais e centros dirixidos a menores deberán estar autorizados e acreditados pola Consellería de Familia, Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Dirixirse a

Servizos sociais de atención primaria

Enderezo: Praza da Constitución, 1
Tel.: 981 542 465
Fax: 981 542 487
Horario: De luns a venres (agás festivos) de 9.00 a 14.00 horas.


Compartir: