Noa Morales Sánchez
Noa Morales Sánchez
Concelleira responsable de Mocidade, Deporte, Mercados e Benestar Animal, con competencias en Xuventude, Deportes, Mercados e Refuxio de Animais.
Compostelá nada en 1984, licenciada en Ciencias Políticas e da Administración pola vía de Relacións Internacionais. Master en Estudos Árabes e Islámicos Contemporáneos na Universidade Autónoma de Madrid. Está facendo o doutorado en destrución intencional de patrimonio palestino na cidade de Xerusalén. Participa en diversos movementos políticos internacionais
Xuventude
Este departamento canaliza a política municipal en materia de xuventude, promovendo medidas que abranguen no só a cuestións económicas e de emprego, senón tamén de promoción dunha maior participación da mocidade na adopción das políticas que lles afectan. Ten como eixes de traballo a promoción do emprego xuvenil, o asesoramento e orientación laboral e o acceso á vivenda, así como a promoción do asociacionismo xuvenil e a dinamización sociocultural da xente nova.

Desenvolve iniciativas propias dirixidas á xuventude, así como das que xorden dos propios colectivos cun labor de apoio e asesoría técnica, ou establecendo as correspondentes liñas de axuda. As actividades formativas, as novas tecnoloxías, as melloras fiscais, a información, o deporte ou os intercambios culturais son un importante eixe das posibilidades, demandas e ofertas para a mocidade de Santiago.
Deportes
A acción do Concello neste ámbito baséase na idea do deporte como saúde, e como xeito de socialización dos cidadáns e das cidadás do municipio. Trátase de promover un movemento de saúde asociado á práctica deportiva en todos os seus ámbitos, dende o profesional, que fomenta nos cidadáns e cidadás un sentimento de identificación e que é un exemplo positivo para animar a máis persoas a practicar deporte, e por suposto o deporte amador, aquel co que se busca saúde e benestar e en xeral.

En particular, préstase especial atención a favorecer a práctica deportiva a persoas que o teñen máis difícil actualmente: o deporte feminino, o deporte de persoas con discapacidade e de persoas maiores e o deporte de base. Poténcianse igualmente os deportes minoritarios, para que haxa un abano maior de modalidades deportivas no concello.

No ámbito das infraestruturas deportivas, apóstase pola optimización das instalacións existentes, con accións de rehabilitación, modernización e mantemento, así como pola creación de novos espazos.
Benestar Animal
O Concello promove medidas que melloren a situacións dos animais no municipio, apostando polo animalismo coma unha nova forma de facer activismo, contando coa colaboración da cidadanía e das asociacións de defensa dos dereitos animais da cidade.

Fomenta igualmente un novo xeito de integrar aos animais na sociedade, comezando con campañas de concienciación para posteriormente afrontar a integración dos animais na vida e nos espazos públicos dun xeito semellante ao que sucede nos países máis avanzados nas que os animais entran con naturalidade en espazos actualmente vetados.

No ámbito da competencia deste Departamento está o Refuxio de Animais e medidas de índole sanitaria como as campañas de desratización.


Compartir: