Manuel Dios Diz
Manuel Dios Diz
Concelleiro responsable de Educación e Cidadanía, con competencias en Educación, Cidadanía e Dereitos Humanos. Deputado provincial.
Naceu en Santiago, na rúa da Troia, en 1953. Alí viviu ate os 18 anos. É mestre dende 1976 e licenciado en Xeografía e Historia. Está casado e ten unha filla e unha neta. Vive en San Pedro. Tivo e ten tres grandes preocupacións: a educación, o activismo sindical e nos movementos sociais e o pacifismo. En 1985 promoveu e fundou o Seminario Galego de Educación para a Paz, do que foi o seu presidente. Dende 2013 preside tamén a Asociación Española de Investigación para a Paz (AIPAZ).
Educación, Cidadanía e Dereitos Humanos
Partindo da concepción dunha educación pública de calidade, laica, promotora da igualdade, participativa, inclusiva, galega e cooperativa, enténdese a materia dun xeito amplo, sen restrinxila a un departamento, senón facendo que esta presente en todas as rúas, parques, dependencias, municipais, parroquias...

O Concello traballa neste eido planificando, facendo prospección educativa, conservando e mellorando a calidade dos centros escolares, garantindo a escolarización plena, o equipamento e os recursos didácticos das escolas municipais, colaborando na programación de novas necesidades, promovendo o desenvolvemento dos servizos educativos complementarios, as funcións socioformativas, as compensadoras, combatendo a desigualdade, a pobreza e a exclusión tamén dende a educación, a aprendizaxe e o goce da música e a danza, a función orientadora, a extraescolar, o lecer formativo ou a alfabetización audiovisual, entre outras.

Búscase facer dos centros escolares auténticos espazos de encontro e participación educativa complementarios da actividade lectiva, con programas educativos, culturais, deportivos e sociais, deseñados e programados pola cidadanía e a comunidade educativa. Promóvese a participación do profesorado, dos pais e as nais, do alumnado, do persoal non docente e a propia administración municipal nos consellos escolares, achegando os centros ao concello e viceversa e velando polo cumprimento dos dereitos de todos os sectores da comunidade educativa. representados e activos no Consello escolar municipal.

Desenvolve as súas actividades exercendo as distintas competencias que a lexislación estatal e autonómica lle asignan aos concellos no eido da educación, entre os que se atopan: o mantemento, conservación e reparación dos edificios e equipamentos escolares públicos de educación infantil e primaria, o que supón facerse cargo dos consumos de auga, teléfono, calefacción e electricidade; limpeza diaria e saneamento; conserxería e vixilancia dos centros e labores de reparación e melloras nas instalacións (carpintería, albanelería, electricidade, etc.).

A Concellería tamén se implica de forma efectiva na conciliación da vida laboral e familiar mediante o desenvolvemento de programas de actividades complementarias fóra de horario lectivo, e promove actividades extraescolares fóra de horario lectivo, durante os fins de semana e en períodos vacacionais, co obxecto de facilitar esta conciliación.

Servizos

Educación



Compartir: