Branca Novoneyra
Branca Novoneyra
Concelleira responsable de Acción Cultural, con competencias en Cultura (Auditorio de Galicia, Teatro Principal e Zona C), Rede de Centros Socioculturais e Festas. Terceira tenente de alcalde.
Licenciada en Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade de Santiago de Compostela, DEA en Educación Artística pola Universidade de Granada e especialista en Edición Dixital pola UOC. Durante dez anos traballou no ámbito da danza contemporánea e xestionou o Laboratorio de Movementos. É autora de dous libros de poesía e traballa no eido da xestión cultural, centrada no espazo editorial. Coorganiza o ciclo de lecturas poéticas Picaversos e colabora activamente con diversas estruturas e artistas en proxectos escénicos e poéticos.
Cultura
A Área de Acción Cultural encárgase de dotar á cidadanía de estruturas, recursos e medios de participación para xestionar a cultura. O Concello exerce de axente mediador encargado de dar soporte ás iniciativas culturais do concello e actuar en sitios onde non chegue a sociedade.

Trátase dun Departamento comprometido coa defensa, recuperación, conservación e posta e valor e difusión dos patrimonios materiais e inmateriais, prestando especial atención a aqueles que se atopen nunha clara situación de ameaza. Recoñece, facilita, acompaña e promove os proxectos culturais de Compostela, fomentando o diálogo creativo entre tradición e vangarda, apoiando as iniciativas culturais e axudando ao seu desenvolvemento autónomo e consolidación.

Esta Área elabora e xestiona a programación cultural de Santiago de Compostela, coordinada dende o Auditorio de Galicia. Na actualidade, desenvolve programas como: Compostela Rock, Infantil & Familiar, Íntimo & Acústico, Sons, Falabaratos, Teatro & Danza, Cineuropa, Curtocircuíto, Todo Lírica…

Xestiona os equipamentos culturais municipais, tales como o propio Auditorio de Galicia, o Teatro Principal ou a Zona C. Tamén ten baixo a súa dependencia a Banda Municipal de Música.
Centros Socioculturais
Santiago de Compostela conta con máis de 40 centros socioculturais distribuídos entre os diversos barrios que conforman o municipio. O gran número de centros e a súa distribución territorial responden a un interese pola deslocalización que permite que se dea unha maior multiplicidade da oferta cultural do concello e que estas iniciativas cheguen ao tempo a un maior número de persoas sen que requira o desprazamento fóra do seu ámbito espacial cotiá.

Os Centros Socioculturais constitúen o complemento perfecto para a programación de gran formato que ten lugar noutras áreas e permite que a oferta formativa, cultural e de lecer do Concello se achegue ao cidadán.

Ademais de contar cunha programación estable de exposicións, conferencias, ciclos formativos e audiovisuais, cursos, etc, a Rede de Centros Socioculturais de Compostela compleméntase coa Rede de Bibliotecas Municipais.
Festas
O Departamento de Festas ten como obxectivo principal o fomento da participación nas distintas manifestacións culturais e lúdicas celebradas durante o ano, mediante a organización e apoio de programas que cronoloxicamente comezan no Nadal coa cabalgata de Reis, o Entroido, a Semana Santa, a Ascensión e o Apóstolo, ademais das festas populares e patronais que se organizan en cada barrio.


Compartir: