FESTAS

Budiño presentoulle ao público compostelán as versións máis actuais dos seus temas

27/07/2012 A primeira sesión dos concertos Quintana de Vivos, organizados polos catro establecementos hostaleiros da Quintana, levou ata a praza a Xosé Manuel Budiño e os seus convidados. Xuntos agasallaron ao público con varias horas de boa música.

Xosé Manuel Budiño trouxo á Quintana os temas do seu último traballo, Volta, ou o que é o mesmo, a reinterpretación en clave actual dalgúns dos seus temas máis representativos. Acompañárono nesta ocasión Kepa Junquera, Uxía e os pandereteiros O Fiadeiro, que compartiron algúns temas co gaiteiro e interpretaron outros en solitario.

Completaron a noite Astarot e Vaamonde, Lamas & Romero. Os primeiros fixeron vibrar ao público coa súa revisión en clave de rock da música galega, mentres que o trío puxo sobre o escenario o seu particular espectáculo, combinando música, teatro e humor.

Cómpre lembrar que o 10% do total da recadación das barras de consumición instaladas na praza será destinado á Asociación Contra o Cancro. A segunda sesión de Quintana de Vivos terá lugar o luns día 30, con DJ Ibiza Music.Tamén será de acceso libre.

Compartir: