FESTAS

Santiago e Padrón renovan a vontade de colaboración entre ambas vilas

27/07/2012 Como en cada edición das Festas do Apóstolo, celebrouse o Día de Padrón en Santiago, do mesmo xeito que na Pascua padronesa se conmemora anualmente o Día de Santiago. Foi unha nova oportunidade para afirmar os lazos que unen a estas dúas vilas.

Tras atoparse as corporacións no Obradoiro e logo do intercambio de bastóns e pendóns, os dous alcaldes, Ángel Currás e Antonio Fernández, e os concelleiros dirixíronse ao salón nobre de Raxoi. Alí, o rexedor compostelán recordou a historia común de Santiago e Padrón, comezando polo pedrón -ao que segundo a tradición foi amarrada a barca que traia os restos do Apóstolo e que deu nome á poboación- e seguindo pola vinculación a ambas vilas de Rosalía de Castro ou Camilo José Cela.

Xa mirando ao futuro, o alcalde afirmou que pasa pola colaboración das dúas vilas. Neste sentido, puxo como exemplo a recente cooperación nas Festas da Ascensión con motivo da proba ciclista.

Rematados os discursos, as corporacións saíron ao balcón para escoitar a interpretación dos himnos galego e español e dalgunha outra peza polas bandas municipais de Santiago e Padrón.

Compartir: