FESTAS

A primeira entrega dos concertos "Quintana de Vivos" será de balde

26/07/2012 A primeira sesión dos concertos Quintana de Vivos, que se celebrará este venres ás 21:00 horas na praza da Quintana, será de balde. Así o confirmou o representante dos establecementos de hostalería encargados da organización deste evento –"Os catro da Quintana"–, Félix García, que manifestou que este é un xesto "para axudar á cidade" e para que todos os cidadáns "poidan desfrutar da proposta musical que ofrecemos".

Deste xeito, todo aquel que se achegue este venres á emblemática praza compostelá poderá gozar dun espectáculo de cinco horas de duración, coas actuacións de Xosé Manuel Budiño, Kepa Junquera, Astarot, Uxía, Vaamonde, Lamas & Romero e os pandereteiros de O Fiadeiro. A segunda sesión de Quintana de Vivos terá lugar o luns día 30, con DJ Ibiza Music, e que tamén terá acceso libre.

Ao tempo, Félix García informou que o importe de todas aquelas entradas que xa foron vendidas –unhas 800–, será reintegrado nos puntos de venda onde foron adquiridas. Ademais, o representante de Os Catro da Quintana –Pub La Quintana, Café Bar El Santiagués, Crepería Cre-Cottê e Café Literarios– salientou que o 10% do total da recadación das barras de consumición instaladas na praza será destinado á Asociación Contra o Cancro.

Documentos relacionados



Compartir: