FESTAS

Un problema de saúde obriga a aprazar o concerto de Tom Jones ata o 27 de agosto

26/07/2012 A banda Aerolíneas Federales ofrecerá un concerto de balde na praza da Quintana esta noite ás 22:30 horas, logo de que a actuación de Tom Jones fose aprazada ao 27 de agosto debido a un problema de saúde do artista galés, do que xa se está a recuperar satisfactoriamente nestes intres.

Tal e como sinalou en rolda de prensa o concelleiro de Festas, Francisco Noya, esta noite celebrarase no seu lugar o concerto de balde da banda Aerolíneas Federales, un dos referentes a nivel nacional da música rock dos anos oitenta, e que traerá á praza da Quintana compostelá un repertorio no que non faltarán algúns dos seus temas máis coñecidos na súa única actuación en Galicia.

Neste sentido, Noya sinalou que se gaña en oferta de ocio para a cidade, xa que se duplican as expectativas para o concerto de Tom Jones e se engade o atractivo de contar cun grupo tan recoñecido como o é Aerolíneas Federales. Ademais, debido á boa acollida do concerto, para o que estaba vendida practicamente a totalidade das entradas, Noya sinalou que se estudará a posibilidade de trasladalo a outro espazo, como podería ser a praza do Obradoiro, sen que o espírito de concerto íntimo se vexa tocado, nin o prezo da entrada modificado.

Con todo, o concelleiro de Festas destacou a "profesionalidade" de Tom Jones, que decidiu que a mellor opción para que el puidese dar o mellor de si mesmo no recital era pospolo nun mes, logo de que o mércores lle fora diagnosticada unha bronquite aguda da que xa se está a recuperar. Así, a súa intención sempre foi seguir adiante co concerto ata o último intre, dado a "ilusión" que sentía o artista galés por tocar nun recinto emblemático como o é a praza da Quintana e facer que os asistentes disfruten ao máximo do recital.

As entradas adquiridas para este concerto serán válidas na nova data do 27 de agosto. Non obstante, os que o desexen poden solicitar a devolución do diñeiro. Neste caso, segundo o canal de venda utilizado, poden chamar aos teléfonos 902 150 025 (Ticketmaster) e 902 504 500 (Servinova), ou acudir á taquilla do Teatro Principal, que estará aberta de 18:00 a 21:00 horas. O prazo para solicitar a devolución estará aberto ata o 6 de agosto. Así mesmo, habilitouse un teléfono de información: 981 542 347.

Responsables da produtora do concerto de Tom Jones quixeron salientar a "capacidade de reacción" do Concello de Santiago para buscar solucións a un problema que saltou de xeito repentino "cando toda a loxística e organización do concerto de Tom Jones estaba a punto".

Compartir: