OFRENDA

O alcalde apela ante o Apóstolo á idea de Europa e á súa solidariedade cos máis afectados pola crise económica

25/07/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, exerceu de delegado rexio nunha nova edición da Ofrenda ao Apóstolo Santiago. A este pediulle a súa intercesión para saír da crise, apelando á idea de Europa e á solidariedade dos Estados e das súas xentes para levantar aos "derrubados" pola actual situación económica.

Ángel Currás comezou a súa invocación con palabras de agradecemento ao Apóstolo pola recuperación do Códice Calixtino, lembrando que nel se atopa "o más brillante conxunto celebrativo de liturxia que ningún outro santo obtivo como ti na Idade Media, coroado coa serie polifónica máis importante do medievo". Tras recordar o papel do Santo como guía, apelou ao seu auxilio no momento actual: "Seguimos necesitando hoxe máis que nunca a túa intercesión ante os gravísimos problemas que tanto afectan ao traballo e ao acontecer diario".

"Vivimos momentos de dificultade, especialmente para as familias sometidas a un duro esforzo para sobrepoñerse dos rigores económicos. Pero non é tempo de desánimo, senón de loita para seguir camiñando pola senda que se nos antolla chea de obstáculos e perigos", dixo. Por isto, pediulle ao Apóstolo que o seu manto protector "acolla aos más desfavorecidos e aos más débiles, ao mesmo tempo que faga máis fortes a aqueles que co seu esforzo están destinados a ir en cabeza do camiño; ese que hoxe tamén parece penitencial, pero cun horizonte de esperanza".

Seguindo con este tema, o delegado rexio falou dunha "alarmante crise desencadeada, que nos trouxo, ademais de precariedade inmediata e crecente, unha incertidume futura, que pode ser para as persoas unha carcoma que mine a nosa motivación, un xerme do medo que afogue o noso alento e converta a nosa serenidade en desesperación".

Ante esta situación, pregou ao Santo que a historia do seu Camiño sexa "fonte da que beba unha sociedade sedenta de ánimo e esperanza". Neste sentido, puxo como referentes os peregrinos medievais e as penalidades que, con fe, puideron superar. Apelou a esa "solidariedade que forma parte do código xenético dos europeos" e demandou ao Apóstolo que faga "que os Estados e as xentes a exerzan para que todo aquel que se viu derrubado pola ventisca deste tempo se poida levantar e continuar o camiño da vida". "Ilumínanos para non caer no desapego cara a idea de Europa. Que Europa siga sendo o escenario onde toma corpo e alma a liberdade, a igualdade, a solidariedade e a dignidade humana".

Xa de modo directo, pediu polo "futuro de España, ese futuro que se resume nos mozos, homes e mulleres con capacidade de loita, pero aos que a complexidade das circunstancias actuais fai que o seu itinerario vital pareza máis escuro que nunca". Tamén demandou axuda para "os que exercemos responsabilidades políticas para que sexamos capaces de ver mellor as prioridades e saibamos explicalas de maneira transparente, e de asumir renuncias pensando nas persoas que máis necesitan". Nestes tempos difíciles, avogou porque "sexa un tempo de tregua que abeire as nosas diferencias partidistas e sexa propicio para xuntar esforzos en momentos de especial dificultade".

Tras solicitarlle especialmente ao Apóstolo que vele por Galicia e Santiago, Ángel Currás rematou a súa intervención lembrando que na praza do Obradoiro se resumen "principios e valores: esforzo, solidariedade, unidade e esperanza. Señor Santiago, que todos eles nos fagan máis grandes e máis fortes, e sexan os alicerces dunha España e unha Europa universais".

Homilía
Na súa homilía de resposta, o arcebispo compostelán, Julián Barrio, manifestou a súa "intranquilidade ante a situación de tantas persoas necesitadas", cunha especial mención ás familias e aos afectados polo desemprego. Á vista disto, dixo, "non debemos eludir a responsabilidade ante os graves problemas sociais que máis alá dos procesos e mecanismos estritamente económicos, movidos a veces por unha especulación inmoral, deben resolverse cun compromiso ético e moral".

Antes da cerimonia relixiosa, o delegado rexio realizou o pase de revisa ás tropas na praza do Obradoiro e saudou as autoridades. Finalizada a misa, Ángel Currás dirixiuse ao Pazo de Raxoi, onde asinou no Libro de Honra e realizou unha breve intervención ante o resto da comitiva de autoridades, entre as que estaban, entre outros, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; a ministra de Fomento, Ana Pastor; o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez; a presidenta do Parlamento autonómico, Pilar Rojo; conselleiros do Goberno Galego e membros da Corporación municipal.

Co traxe galego
Como xa sucedera na Ofrenda de 2011, a Corporación compostelá aposta por institucionalizar o uso do traxe galego. Nesta ocasión foron os concelleiros Cecilia Sierra, María Pardo, Francisco Noya e Luis Bello os que vestiron a indumentaria tradicional.

Cecilia Sierra levaba un traxe típico da Mariña lucense, cedido pola Asociación Cultural Bágoas da Terra, de Viveiro, coa colaboración da Asociación do Traxe Galego. O vestido constaba de cofia de encaixe branco, camisa en tono marfil, mantiño en tono verde, dengue de pano negro, vasquiña beige, mandil negro de pano longo, enaguas e calzas marfís e zapatos negros baixos.

Pola súa parte, María Pardo vestiu un traxe de gala cunha mantela procedente da zona de Calo. A indumentaria, tradicionalmente utilizada na provincia da Coruña, levaba bordados con vidro negro.

Os traxes dos dous concelleiros eran igualmente de festa. Foron confeccionados con teas importadas, pano, damasco, veludo e sedas.

Documentos relacionados



Compartir: