FESTAS

Santiago de Compostela, Roma e Xerusalén, unidas pola realidade virtual nunha Catedral temporalmente derrubada e en chamas

24/07/2012 Os Fogos do Apóstolo volveron a espertar a admiración dos milleiros de composteláns e visitantes congregados na praza do Obradoiro e nas diversas rúas e prazas da cidade. A realidade virtual volveu debuxar sobre a fachada da Catedral un singular espectáculo multimedia no que as imaxes, o son e a pirotecnia se combinaron en harmonía.

Aínda que a empresa General de Producciones y Diseño (GPD) deixara o listón moi alto cos Fogos de 2011, o espectáculo volveu destacar pola súa orixinalidade, neste caso co fío condutor dun personaxe proxectado sobre o templo, Paio, encarnado polo actor galego Samuel Blanco, que narrou ao público a historia do descubrimento da tumba e do xurdimento da peregrinación a Compostela. El preguntouse polos motivos dos camiñantes, como a devoción, o esforzo ou o perdón, pero falou tamén da recompensa da chegada e do desexo de volver a Santiago.

O espectáculo incorporou de novo as últimas tecnoloxías da realidade virtual aplicada á proxección sobre monumentos. Así foi posible a queima da fachada gótica da Catedral ou mesmo que o templo desaparecese ou ardese. Do mesmo xeito, sobre a fachada do Obradoiro, uníronse as tres metas principais da peregrinación: Santiago, Roma e Xerusalén.

Durante media hora, as proxeccións permitiron mostrar algúns dos símbolos máis emblemáticos da tradición xacobea: a cruz de Santiago, a cuncha ou o botafumeiro, que xurdiron do interior do templo. Todo confluíu finalmente nunha apoteose de lume pirotécnico e son acordes coa intensidade do espectáculo e coa historia do Camiño e de Compostela.

Compartir: