FESTAS

O traxe galego engalanou as rúas de Compostela na sua XXXIV xornada de exaltación

22/07/2012 O terceiro día das Festas do Apóstolo acolleu a celebración da XXXIV Xornada de Exaltación do Traxe Galego. Ao tempo, en Chaián, cita coa tradicional Festa do Escalo.

Todas as persoas ataviadas co traxe tradicional concentráranse na Alameda para percorrer as rúas da zona monumental ata a praza do Obradoiro. A continuación, realizaron a súa ofrenda ao Apóstolo, pouco antes de ser recibidos en Raxoi polo alcalde, Ángel Currás, e parte da Corporación.

Para a tarde quedou o certame de traxes, que arrincou coa concentración dos participantes en San Domingos de Bonaval. Logo, exhibición, concurso de traxes e entrega de premios na praza da Quintana. Repartíronse premios en cinco categorías: traxe antigo completo, traxe de cotío, traxe moderno, premio especial a grupos de máis de 10 persoas e premio especial á mellor peza ou conxunto de pezas antigas que non compoñan un traxe completo.

Festa do Escalo
Tamén nesta xornada de domingo celebrouse a tradicional Festa do Escalo de Chaián, que incluíu o XXXVIII Concurso de Ciprínidos. A parte musical da romaría púxoa a orquestra Superfama.

Compartir: