FESTAS

Moncho Fernández apela no seu pregón aos valores compartidos polo Obradoiro e polos que fan o Camiño de Santiago

20/07/2012 O compostelán Moncho Fernández, adestrador do Obradoiro CAB, abriu co seu pregón unha nova edición das Festas do Apóstolo. Na súa intervención ante composteláns e visitantes, apelou a eses valores como o esforzo, o sacrificio, a coraxe ou a perseveranza que son comúns ao Obradoiro e aos que cada día peregrinan a Santiago.

O pregoeiro foi recibido polo alcalde compostelán, Ángel Currás, antes de saír aos balcóns de Raxoi. Xa ante a ateigada praza do Obradoiro, Moncho Fernández transmitiu a honra que para el supoñía abrir as Festas desta cidade "onde tiven a sorte de nacer" e as dúbidas que tivera para elaborar o seu discurso, polo que ao final decidiu falar "co corazón".

Tras esta introdución foi momento de falar do Obradoiro. "Se estou hoxe aquí, falándovos, é por ter conquerido un soño colectivo. Fixemos historia deportiva. Un logro que se fundamentou en valores de equipo, como o esforzo, por superarnos, a loita, contra a adversidade, a coraxe, para superar o desánimo, o sacrificio, por min e polos meus, a perseveranza, para soster os nosos principios, a honestidade, para dar feito o que un ten que facer, o compromiso, cos que me alentan e apoian, a solidariedade, para compartir cos que o necesitan, a ilusión, para acadar que os soños viren realidade", dixo.

A propósito destes valores, o adestrador compostelán concluíu que "transcendían máis alá do que eu consideraba deportivo", estendéndoos a "peregrinos, romeiros, camiñantes, turistas de a pé ou dacabalo, xentiña de todo credo e condición que a esta praza chegan facendo o Camiño", tamén na busca da meta do Obradoiro. Tamén se decatou Moncho Fernández de que estes valores transcendían ao tempo, lembrando a aqueles "primeiros canteiros que fixeron desta praza o seu taller, o seu obradoiro, e coa súa perseveranza e compromiso foron, paseniño, transformando a pedra en arte".

Volvendo ao baloncesto e ao seu alcume de "alquimista", apuntou que "a alquimia do xogo prodúcese cando os xogadores poñen eses valores persoais ao servizo do equipo" e en "levar eses principios como bandeira o longo da nosa vida". Así, engadiu, "o segredo desa fórmula alquímica é: compromiso na vida e esforzo no traballo".

Moncho Fernández agradeceu ao alcalde e á Corporación a elección como pregoeiro e a posibilidade de representar nesta noite ao todo o equipo de xente do Obradoiro. Por suposto, deu tamén as grazas polo seu alento a todos os afeccionados. E tras as lembranzas familiares, deu a benvida a veciños e forasteiros ás Festas do Apóstolo. "Disfrutade, que agora é tempo de troula e de parranda, de verbena e foliada. Disfrutade do meigallo de Compostela en festas. Escoitade o feitizo das súas pedras. Respirade a ledicia das súas rúas", rematou.

Tras o pregón, un gaiteiro interpretou as notas do Miudiño, que coreou o numeroso público presente na praza como ao inicio de calquera partido do Obradoiro en Sar. Logo, a festa desprazouse ata unha repleta praza da Quintana coa música de Milladoiro.

Documentos relacionados



Compartir: