FESTAS

Comezan as Festas do Apóstolo co pregón de Moncho Fernández e algunha outra sorpresa

19/07/2012 O compostelán Moncho Fernández, adestrador do Obradoiro CAB, abrirá mañá venres co seu pregón unha nova edición das Festas do Apóstolo, que se prolongarán ata o 31 de xullo. Comezan así doce días cheos de actividades e propostas para todos os públicos.

Moncho Fernández sairá aos balcóns de Raxoi ás 23:00 horas para pronunciar o seu pregón. Media hora antes, o adestrador será recibido polo alcalde compostelán, Ángel Currás.

Tras o pregón, que irá acompañado dalgunha que outra sorpresa, momento para a música de Milladoiro. A formación ofrecerá un concerto de balde na praza da Quintana, abrindo un programa musical que este ano inclúe nomes como Tom Jones, Calle 13, Coti, Robert Ramírez, Luar na Lubre, Xosé Manuel Budiño ou a Real Filharmonía de Galicia, entre outros.

Non faltarán citas tradicionais como a Xornada de Exaltación do Traxe Galego ou o Día de Padrón, propostas novedosas como o Festival Cidade en Movemento, competicións deportivas do nivel do Campionato Galego de Fondo en Estrada ou as sempre demandadas citas coas orquestras na Alameda.

Compartir: